Antonio emigrou a Alemaña con vinte e seis anos e cun contrato dunha empresa do Porriño que precisaba oficiais para a área industrial de Dormund. O seu traballo consistía na fabricación e montaxe de grandes pezas hidráulicas e outros labores de especialista, polo que pronto coñeceu ben todas as ramas do sector metalúrxico. A experiencia laboral de Antonio comezou como oficial nunha fábrica de conservas en Coia, onde se especializou na mecanización de procesos de fabricación e envase de conservas.

A adaptación ao traballo e á súa vida en Alemaña foi boa. O seu traslado tivo a peculiaridade de que, dos seis oficiais que ían contratados desde Vigo, O Porriño e Moaña, el era o único que ía coa súa muller, posto que estaba casado de moi recente. O seu xefe de equipo buscou un hostal para o matrimonio, mentres que o resto da cuadrilla galega compartían piso. Nesa primeira etapa Antonio levantábase ás catro da mañá para chegar ao traballo ás seis, mais pronto se trasladaron a un piso mellor situado, onde dispoñían de cociña e un dormitorio. O aseo estaba fóra deste espazo, nas escaleiras, e compartíano cos donos do piso.

A muller de Antonio, mestra de corte e confección, pronto encontrou traballo nun centro de reparación de roupa. O nivel de vida en Alemaña era máis alto que en España ―nesa época o marco valía 14.30 pesetas―, e ao dispor de dous bos salarios, un deles podíano aforrar practicamente todo. En xeral, alí facían unha vida moi similar á que tiñan por costume en Galicia. Todos os días collían o tranvía ida e volta xuntos, e no Centro Español mercaban alimentos.


Antonio fixo en Dormund moi bos amigos, tanto españois como alemáns. O retorno tivo lugar en 1974 ao falecer o seu pai, pois ao ser o irmán maior, a súa nai quixo que volvese para a casa. Antonio di que esta decisión non lle pesou en absoluto. En Vigo recoñecérono como técnico alemán e pronto encontrou un bo traballo nun taller de metal, onde exerceu durante case vinte anos.

Moitos anos despois Antonio volveu a Dormund, xa como visitante, xunto con outro dos seus compañeiros de Moaña que estivera alí emigrado. Os dous ansiaban visitar a cidade e os lugares da súa vida, mais ambos se sorprenderon con todos os cambios, pois xa nada era igual a como eles o lembraban.

Carné de conducir alemán