Fina leva traballando desde que ten memoria, desde os catorce anos empezou a axudar na economía familiar coidando nenos na súa aldea.

Casou aos vinte e tres anos e ao ano seguinte, ante o panorama que existía en Galicia, decidiu emigrar a Suíza. Estaba embarazada, polo que, para evitar o exhaustivo exame médico que se lles facía na fronteira aos emigrantes, e polo medo a que non a deixasen entrar no país, viaxou en avión, pois no aeroporto de Zurich tan só facían recoñecemento de bronquios.

Naquela primeira viaxe foi soa xa que era preciso ter un contrato., O seu tiña un comezo inmediato para entrar a formar parte do servizo doméstico dunha casa, mentres que o seu home, que ía traballar como xornaleiro, aínda non empezaría ata un mes despois. Ese primeiro mes viviu cuns curmáns que, ademais, os axudaron con todos os trámites necesarios.

Para desprazarse ata a casa en que servía, debía ir dun extremo a outro da cidade en tranvía. Para ela era complicado ao comezo e algún dos primeiros días fixera o percorrido varias veces sen baixar. O certo é que se defendía como podía porque non sabía falar nin francés nin alemán. Aínda que Zurich forma parte dun cantón alemán, alí tamén se fala algo de italiano epola súa similitude co galego foille máis doado de aprender.

Alí tiveron un fillo e unha filla, polo que Fina debía de traballar máis alá do cento por cento, xa que tiña que compaxinar a súa xornada laboral coas atencións aos pequenos. Ao tempo de chegar, Fina conseguiu entrar nunha residencia privada de persoas maiores para realizar labores de limpeza, de lavandería e cociña. Facía de todo, aínda que prefería o traballo na lavandería, que tiña un mellor horario e lle permitía pasar máis tempo cos seus fillos.

Mais como Fina era moi boa traballadora, seria e responsable, conseguía solucionar moitas incidencias, mesmo pequenas reparacións de todo tipo, polo que lle propuxeron ser axudante de enfermeiras de segunda categoría, aínda sen ter ningunha titulación nin diploma. Non puido rexeitar a oferta, xa que, ademais de ser un orgullo para ela e un recoñecemento, o aumento salarial de douscentos francos mensuais supoñía unha mellora moi importante.

Axiña demostrou que era unha persoa habilidosa, atenta e disposta a solucionar calquera problema. Aprendeu rapidamente o oficio fixándose no resto das compañeiras, ademais desenvolvíase moi ben en italiano e, aínda que non tivera a oportunidade de estudar ningún idioma na escola, conseguiu entender razoablemente ben o francés e o alemán e decote axudaba a outras compañeiras con estas linguas.

A residencia era frecuentada por persoas dun nivel económico moi alto: xente que se dedicaba ás artes (literatura, pintura), á política ou pertencente á nobreza suíza que se retiraba a vivir na residencia. O contacto con todas estas persoas axudouna a aprender moitísimo e a gozar da riquísima oferta cultural de Zurich, de modo que, cando o permitía a economía, ían á Ópera ou a algún concerto.

O barrio residencial en que vivían era un dos mellores da parte alta da capital, nunha pequena poboación chamada Zumikon. Trátase dunha zona cun nivel de vida alto, ondenon poderían ter residido de non ser porque se trataba de vivendas protexidas polo Concello. O certo é que as cousas fóronlles moi ben os corenta e dous anos que pasaron en Zurich, sentíanse moi valorados na súa contorna, con bos traballos e ben pagados.

A Galicia viñan case todos os anos polas vacacións. A súa filla foi estudar a Vigo e acabou asentándose na cidade, en cambio o fillo quedou en Zurich, de modo que Fina ten familia tanto en Galicia coma en Suíza.

No ano 2011 xubilouse e ao ano seguinte, aínda que en moitos aspectos pensou en quedar en Suíza, decidiu retornar a Galicia animada polos seus fillos. Nalgunhas cousas a volta non a beneficiou, porque alí as pensións son mellores, e os trámites e impostos do seu traslado económico a España graváronlle moito. O seu aforro foi resultado de traballar moi duro ao longo de toda a vida, por iso considera que deberían existir solucións adaptadas ás persoas que tiveron que marchar a traballar fóra e poder garantirlle os seus dereitos.

Desde que se xubilou fixo unha viaxe a Exipto e entre o 2011 e o 2013 viaxou a Cuba e ao Brasil. Agora desde hai uns meses reside xa de xeito estable na vila costeira de Cangas do Morrazo en Pontevedra.

No 1991 na voda do seu fillo no lago Lucerna
No 2001 Fina coa neta da súa prima no Lago Catro Cantones
No 2006 cunhas compañeiras de traballo
No 1983 cos seus fillos pequenos en Suíza
Coas súas compañeiras de traballo