A vida de Ángeles sempre estivo marcada pola emigración. A súa familia paterna é orixinaria de Fornelos de Brollón, en Lugo, desde onde emigrou primeiro o seu avó a Cuba, e despois o seu pai e os seus tíos, uns á Arxentina e outros a Australia; cando regresaron a Galicia, todos os irmáns volveron emigrar ao País Vasco xunto co resto da familia. O motivo de todas estas migracións foi sempre económico, e algúns deles non retornaron á súa terra natal ata o momento da xubilación.

Por outro lado a nai de Ángeles, Ana Burillo, que naceu en 1933 en Vigo, foi durante vinte e seis anos a profesora e directora do Instituto Ramón Nieto Otero en Vigo. Don Ramón Nieto foi unha figura importante no Vigo do seu tempo. Naceu en 1856 na parroquia de Lavadores, e en 1870, con catorce anos, emigrou a Chile cos seus pais. Alí acabou labrando unha gran fortuna, chegando a fundar un banco e dúas compañías de seguros, e foi tamén conselleiro da presidencia da República de Chile.

Don Ramón Nieto reverteu a súa fortuna a causas sociais en Vigo, converténdose nun dos grandes benfeitores da cidade. Este constituíu un modelo filantrópico de atención a accións solidarias e altruístas que no seu día prestaron especial atención ao desenvolvemento da cultura e a educación nas súas cidades de orixe. En 1900, Don Ramón encargoulle aos irmáns Conde Domínguez construír as Escolas Nieto en Lavadores, unha escola gratuíta, un recinto cultural e benéfico, co obxectivo de combater o analfabetismo que daquela se aproximaba ao 80 % da poboación galega.

Este é un exemplo de como a emigración supuxo un retorno a Galicia dos grandes capitais logrados por galegos relevantes. Don Ramón, que finou o 27 de xullo de 1928, legou a súa fortuna ―un millón e medio de pesetas da época― para o mantemento das escolas Nieto, que actualmente forman parte da fundación que leva o seu nome, e que constituíron xa no seu día un modelo de Institución Libre de Ensinanza cuxa herdanza aínda se mantén. Ángeles e a súa familia vivírona coma un legado propio, xa que a súa nai foi a directora máis lonxeva das escolas Ramón Nieto, e sempre sentiu como súas as experiencias e as accións benéficas do fundador da institución.

http://fundacion.escuelasnieto.com/Historia.html