José Antonio emigrou a Zürich, Suíza, no ano 1970, con vinte e seis anos, con afán de mellorar a súa situación. Marcharon el e a súa muller por mediación dun amigo. Naquel momento tiñan unha filla de seis anos á que tiveron que deixar aquí, porque para poder levala tiñan que ter estado no país durante tres anos.
Alí traballou dous anos na hostalaría e despois cambiouse a Telefónica, onde traballaba por quendas e facía horas extra para poder gañar máis diñeiro. O idioma non lle resultou difícil, xa que o italiano era parecido ao español e entendíao ben. De cando en vez xuntábanse co amigo que tiñan alí.
De Suíza chamoulle a atención que nos bares non estaba permitido fumar, e ninguén tiraba nada ao chan. Como anécdota, á volta, comenta que un día na Coruña a súa muller tivo que andar un quilómetro buscando un contedor de lixo para tirar unha monda de plátano.
O matrimonio estivo no país cinco anos, vindo unha vez ao ano de vacacións durante seis semanas para estar coa familia. O regreso final a Galicia foi polos seus fillos. O xefe foi un sábado (que alí non se traballaba) darlle a carta de recomendación na man, aínda que volveron sen traballo, xa que cando chegou en Telefónica estaban despedindo xente.

Contrato de traballo
Traballando como cociñeiro
Nóminas