Aniceto marchou para Alemaña con vinte e catro anos e cun contrato para traballar nunha fábrica de cemento. Despois cambiou de emprego cando o seu cuñado, empregado na Opel en Alemaña, lle comentou que buscaban xente. Alí estivo durante tres anos na quenda de mañá e tarde, e despois cambiouse para a quenda de noite porque gañaba un marco máis a hora, e porque así a súa muller podía traballar polo día mentres el se encargaba do coidado dos nenos.

As fins de semana dedicábanse a pasear polos parques, e lembra con agarimo as festas de fin de ano, cando todos os galegos se xuntaban para cear, cociñando cada un a súa comida.Aniceto afirma que Alemaña o acolleu moi ben porque era moi educado e honrado, e os alemáns valoraban moito isto. Despois de dez anos no país, decidiron volver para Galicia.