Digna emprendeu rumbo a Suíza en tren, en 1970, cun contrato de traballo como cociñeira. A súa vivencia foi moi triste, xa que ela e o seu home, José Antonio Teijeiro, emigraron no Nadal e deixando aquí unha filla. Á súa chegada á estación esperábaos unha española, que os acompañou ao lugar onde ían vivir.
Como anécdota, Digna conta que para ela e o seu home preparaba a comida ao xeito de aquí, e cando o seu xefe a comía quedaba encantado. Digna garda moi boas lembranzas daquela época. O día do seu aniversario, o 9 de febreiro, cando levaban alí só dous meses, os seus compañeiros fixéronlle un agasallo, e Digna emocionouse moito con aquel detalle, porque aquí nunca lle fixeran nada igual.
O seu segundo fillo naceu en Suíza, o que foi tamén algo novo para Digna. Debido a problemas con outros embarazos, tiveron que facerlle unha ecografía, e o seu home puido estar presente no parto, algo que en España era inviable. Coa filla que vivía aquí comunicábase ao principio por carta, e despois por teléfono. Unha vez ao mes chamábana a unha tenda para falaren con ela, xa que aínda non había teléfonos nas casas.