A comezos dos anos setenta, con vinte e dous anos e un contrato para traballar nun hotel, Edelmira emprendeu camiño á Suíza alemá deixando aquí un bebé de tres meses. Marchou en avión, e sen saber situar o país no mapa; tanto era así que á súa chegada encontrou todo nevado, e Edelmira ía cuns zapatos de charón. Alí esperábaos un autobús que os ía repartindo para os diferentes destinos e, cando chegaron ao seu hotel, o encargado explicoulles onde estaban as súas habitacións, a hora das comidas etc. Naquel momento incluso pensou que estaba nun club de alterne. Como anécdota, Edelmira resalta a enorme puntualidade naquel país: a hora do almorzo era ás 6.30 h. e o primeiro día, que chegaron ás 6.35 h., dixéronlles que se volvían chegar tarde non almorzaban.
Alí estivo vivindo e traballando de decembro a xuño e sen a posibilidade de facer ningunha outra cousa, xa que o hotel estaba no medio da montaña. No tren de volta dunhas vacacións en España un señor, que despois incluso tivo a amabilidade de os acoller na súa casa, contoulle que en Xenebra había mellores condicións de traballo e explicoulle como tiñan que facer para solicitalo. En outubro marchou para Xenebra e ao día seguinte Edelmira xa atopara un emprego, mais, por non ter os papeis en regra, durante tres meses viuse obrigada a escapar dos controis e a se facer pasar por outra persoa para evitar problemas. Aos tres anos puido levar o seu fillo e tiveron un segundo que aínda continúa a vivir alí. Nos seus días libres collían o autobús e percorrían Suíza, que a coñecen por completo, e fala perfectamente francés.


Edelmira garda moi bos recordos da súa experiencia en Suíza, e di que se puidese volver atrás faríao de novo sen dubidalo. Lembra as grandes facilidades que había para encontrar traballo e todos os adiantos que aquí non chegaran, como a auga corrente. Para ela, o único problema foi non poder ter o seu fillo durante os primeiros anos.

Paseo polos xardíns
Bautizo do fillo