Cando pechou a mina da Silvarosa (Viveiro) ao pai de Mª Jesús destinábano á mina de Avilés, e como neses momentos corría o rumor de que os que emigraban se facían ricos, no ano 1960 os seus pais tomaron a decisión de emigrar a Suíza (Zürich). Ela quedou ao coidado dos seus avós, e non notou a falta dos seus pais porque os seus avós tratárona moi ben.

Os seus pais marcharon sen traballo, mais ás poucas horas xa o conseguiron. Por mediación de xente de Viveiro, dalí a un tempo cambiáronse para o sur de Francia porque alí a calidade de vida alí era mellor, e podían levar os seus fillos. O seu pai traballaba nunha fábrica de cerámica. El estudara perito mercantil e axudou moita xente que chegaba ao país e estaba perdida.

Ela emigrou a Francia en 1964 con oito anos, foi en taxi con dous curmáns da nai, os seus irmáns xemelgos, súa nai e mais o taxista. Levaban a comida porque tardaban dous días en chegar.
O primeiro que fixeron seus pais foi matriculalos no colexio, ao primeiro foi duro, mais nun mes xa sabía falar francés. Na súa clase había unhas nenas valencianas que coñecían un pouco máis o idioma e facían de tradutoras. Mª Jesús lembra a súa primeira profesora, que era moi boa e tivo moita paciencia con ela. Despois das vacacións pasárona para segundo de primaria e cambiáronlle de mestra, e esta discriminaba os emigrantes. Ao final do curso o colexio entregaba premios para os mellores e a ela non llo entregaran por non ser francesa.

Estudaron até bacharelato. No colexio había moita mestura cultural (armenios, árabes, españois, italianos, africanos das colonias francesas...) Comían no colexio, ela non notou o cambio nas comidas, mais os seus irmáns si. No que si notou o cambio foi no aloxamento, en Viveiro tiñan baño na súa casa e alí tiñan que facer as súas necesidades nun caldeiro. Vivían nunha vila pequena, xunta outra xente que tamén tiñan problemas económicos.

Estivo cinco anos sen volver a Galicia, a primeira vez que viñeron fixérono en tren ata Hendaia, tiveron que vir todo o camiño de pé, despois agardaban varios horas e collían outro tren, leváballes dous días chegar. Pasados eses cinco anos ela xa estaba integrada no país. Os seus pais cambiaron de casa, e colleron un apartamento con baño. Alí viviu cos seus pais e os seus irmáns xemelgos e alí naceu o seu cuarto irmán. Cando morreu o avó, levaron a avoa para alá.
Aos dous anos, ela e a súa avoa, viñeron de vacacións a Galicia e xa quedaron porque lle xurdiu un posto de traballo na Renault. Paulatinamente foron vindo todos cando se prexubilou o seu pai. Os seus irmáns xemelgos están casados con dúas francesas, mais viven en España.

Na clase coas súas compañeiras
Escola na que estudou
Fábrica onde traballou seu pai
Foto quitada nun fotógrafo cos seus irmáns e un veciño italiano para enviarlla aos seus avós