«Fálame da emigración» é un programa interxeracional que se insire na liña estratéxica «O valor da experiencia», da área de Envellecemento Activo de Afundación.
Este programa desenvólvese, inicialmente, nos concellos de Galicia e áreas de influencia onde se sitúan os 11 Espazos +60 de Afundación, nos que participan máis de 13 mil persoas socias, en colaboración con institutos de ensino secundario destas localidades.
Desde a primeira edición en 2016 ata a actual, participaron no programa 20 centros de ensino de toda Galicia, 118 persoas maiores voluntarias compartiron as súas experiencias na emigración con 3.528 estudantes de secundaria e realizáronse 214 encontros nas aulas.
Os obxectivos xerais deste programa son:
• Que as persoas maiores lle transmitan á mocidade os coñecementos e experiencias adquiridos ao longo de toda a vida, ao tempo que se enriquecen do diálogo con xente nova e se favorece o entendemento mutuo.
• Que os mozos e mozas se beneficien do legado e da experiencia das persoas maiores, que os coñezan e comprendan mellor, dialoguen e cooperen con eles, favorecendo o respecto ás persoas en todas as etapas da vida.
• Que a comunidade educativa incorpore novas modalidades de aprendizaxe, que aproveiten a experiencia das persoas maiores, fomenten o diálogo, a cooperación e o entendemento entre as distintas xeracións.
A experiencia na emigración será o fío condutor do diálogo interxeracional, articulado a través de dous encontros nos centros educativos, precedidos cada un deles dun traballo preparatorio por parte do alumnado e dos maiores. A través dos encontros, maiores e mozos e mozas compartirán experiencias, opinións, coñecementos, traballo e emocións, establecendo relacións significativas baseadas na reciprocidade e o recoñecemento mutuo.