O meu avó emigrou en 1961 a Inglaterra por motivos laborais. Como se ían uns amigos marchou con eles, e aínda que atopou traballo enseguida, o certo é que a vida alí era un pouco deprimente. Estaba empregado nun pub de 6 da tarde a 9 da mañá e apenas vía o sol porque saía de traballar ás 11 da mañá, e logo tocaba descansar e en nada facíase de noite. No tempo de lecer ía ao baile, onde coñeceu á miña avoa, que tamén estaba alí emigrada desde cinco anos atrás.

El destaca que odiaba a comida e que non paraba de chover, mesmo peor ca en Galicia. Vivían nun edificio cun baixo e un primeiro destinado a emigrantes, eles ocupaban o baixo e uns amigos, o primeiro. Deste xeito facíase máis levadeira a vida social, mais botaban en falta a súa xente porque a comunicación non era moi fluída. Falábanse coa familia a través de cartas e, en ocasións moi especiais, por teléfono.

En Inglaterra casaron e tiveron o seu primeiro fillo, que naceu con problemas pulmonares, motivo polo que acabaron tendo que volver debido ao clima, que non axudaba a superar a enfermidade. Así que volveu primeiro a miña avoa e aos seis meses, o meu avó.

Para el a emigración foi practicamente a súa vida, xa que viviu fóra as decisións máis importantes. A parte negativa foi a separación da familia.