Chámome Isaac Fernández, mais as amizades coñécenme e chámanme polo nome de Isaac Xubín. Nacín no mes de xullo de 1978, na Coruña. Malia que o lugar de nacemento adoita ser algo accidental na vida das persoas, non o é no meu caso. Nacín na Coruña porque meu pai quixo expresamente que fose así. Os meus avós paternos estiveran emigrados en Bilbao, mais volveran ao pouco de nacer meu pai no 1955, e a el quedoulle para sempre a espiña cravada de ter nacido nun lugar do que non lembra nada. Así que cando eu estaba a piques de nacer, meu pai, que estaba destinado nunha vila moi pequena do norte de Burgos, Espinosa de los Monteros, decidiu volver para que eu non vivise a súa mesma historia.

Dalgún xeito, a emigración xa me marcou dende os primeiros segundos da miña vida e malia que cos meus pais e co meu irmán pequeno vivín en Espinosa de los Monteros, Astorga ou Xixón, sempre considerei Galicia a miña casa. Comecei a estudar Filoloxía Galega e no intre en que me faltaban unhas poucas materias para rematar, decateime de que o paro era o meu futuro. Esa foi a razón pola que me decidín a facer algo diferente para completar a miña formación como filólogo e evitar a ringleira da oficina de desemprego. No ano 2002 collín un tren e marchei ao País Vasco, a Bilbo, para aprender éuscaro, pechando así un círculo familiar e, dalgunha maneira, dándolle sentido ao propio lugar de nacemento do meu pai.

Vivín alí seis anos, catro en Bilbo e dous en Vitoria-Gasteiz, até que me decidín a estudar un mestrado de Planificación e Política lingüística en Galicia. Este feito, e mais as miñas publicacións que viron a luz durante eses anos, como un dicionario vasco-galego, déronme a oportunidade de acceder a unha bolsa como lector de lingua e cultura galegas na Universidade Nacional de Irlanda, en Cork, unha cidade na que residín durante cinco anos e onde non coñecía ninguén.

Pasado este tempo, a miña moza, que tamén chegou como lectora de catalá a Irlanda, conseguiu unha boa praza no Departamento de Linguas Aplicadas da Universidade de Sheffield, en Inglaterra, onde tampouco coñeciamos ninguén. E alí vivimos dende hai un ano e medio.

Adáptome ben. Paréceme moi interesante a súa historia e gústame dos ingleses que son moi abertos ás cousas que veñen de fóra. Isto en termos xerais, non me gusta moito falar xeralizando, todas as persoas somos únicas e, o mesmo que en Galicia, en Inglaterra podes atopar de todo.

A vida nun país estranxeiro é diferente mais, de feito, non o é tanto como o era en Bilbo ou Astorga con respecto a Galicia. A paisaxe inglesa é moi semellante á galega e a xente ten un humor moi retranqueiro, moi irónico. Mais, salvo estas semellanzas, a vida é distinta. Se non es quen de adaptarte, se non tes a mente aberta e con ganas de gozar e de aproveitar ao máximo as cousas novas, debe ser moi difícil ser feliz.

Como moitas cousas da vida, a emigración é unha situación de dúas caras. Por un lado é positiva, aprendes moitas cousas e moralmente aprendes a ser moi humilde, non hai verdades absolutas… mais polo outro, é un feito que te desarraiga, máis ou menos o que comentaba antes, agora mesmo son un galego que é moi irlandés, vasco, catalán… Aínda que boto de menos a xente. O problema é que levo viaxado tanto que penso que me convertín nun estranxeiro eterno. Xa pasei moito tempo fóra de Galicia e non sei se volvendo pretendería que todo fose igual a como o deixei.

Así que son emigrante basicamente por traballo, por buscar novas posibilidades de dedicarme ao que me gusta. Malia que non fun un bo estudante souben interpretar con acerto as necesidades da miña contorna e puiden facerme un oco baseándome nas miñas habilidades. Agora dedícome a escribir, traducir e acabar a miña tese de doutoramento: a relación entre literatura e gastronomía na obra de Álvaro Cunqueiro.
Estou moi satisfeito porque, sobre todo, até o de agora nunca me vin condicionado por factores alleos a min, as miñas decisións foron 100 % decisións propias.