Michelle é escocesa e nai de tres fillas, eu unha delas, que emigrou cando era xovenciña. Veu a España despois de licenciarse e namorouse deste país e quixo quedar aquí.

Que motivo te impulsou a saír do teu país, deixando tantas cousas atrás?

Fixen Filoloxía Francesa, Española e Portuguesa na Universidade de Glasgow porque me encantaban os idiomas e viaxar. Pasei un ano en Francia traballando como profesora de inglés, como parte da miña licenciatura, e outros catro meses nas Islas Canarias cunha bolsa de Erasmus. A miña idea despois de terminar os meus estudos era vir a España para perfeccionar o meu nivel de castelán, xa que visitei este marabilloso país durante unhas poucas semanas mentres traballaba en Francia. Nese momento foi unha sorpresa tremenda descubrir as obras de Dalí en Figueres, as de Gaudí en Barcelona, ver a beleza de San Sebastián e apreciar as rúas de Pamplona. Quixen saber máis dos segredos que España me puido revelar e así o fixen.Para min non era tanto deixar cousas atrás, senón achazar o meu camiño cara diante.

Cales foron as túas primeiras impresións ao chegar aquí?

O primeiro sitio onde encontrei traballo foi en Palencia, Castilla y León, que se diferenciaba en moitas cousas de Glasgow. Era un sitio pequeno e chamoume a atención a amabilidade da xente cara min desde o primeiro momento. Tiña vinte e dous anos e saía con estudantes da miña idade e sorprendeume o costume de tomar os pinchos nos bares. Nese momento, 1993, era máis aceptado que nos bares o chan estivese cheo de servilletas, cigarros etc. Chocoume este aspecto “sucio” ata que me dixeron que iso era sinal dun bo bar, xa que os papeis indicaban cantas persoas estiveran nel. Tamén me pareceu moi estraño ver patas de porco colgadas do teito. Outra cousa que me impactou foi o número, no só de bares que había en cada rúa, senón tamén de igrexas e bancos. Demostraba para min a importancia que deben de ter esas cousas na cultura española.

Foi difícil para ti acostumarte aos costumes que tivera e ten España?

Non vou mentir, algunhas cousas custáronme, como por exemplo os horarios das comidas e comer moito no mediodía e cear pouco. Sempre tiña fame e engordei dez quilos. Ademais, descubrín os doces típicos das postrerías e esa foi a miña perdición. Non obstante, tardei en coller o gusto aos legumes, que agora me encantan. Sorprendeume que as tendas pecharan ao mediodía e que a xente botara a sesta despois de comer, que para min era perder a tarde. En Gran Bretaña era típico invitar aos teus amigos a casa a tomar o té, en cambio, en España a xente sempre quedaba en cafés, o que ao principio me resultou impersoal, pero acabei acostumándome.

Que sentiu a túa familia ao verte marchar?

Seguramente os meus pais se preocuparon un pouco, sobre todo porque o meu primeiro destino era Madrid e non sabía onde ía durmir a primeira noite ao chegar alí. Eran outros tempos porque non existían móbiles nin Internet, pero como xa estiven un ano fóra en Francia confiaron en que sabería estar ben soa e sabían que estaba cumprindo o meu soño. Ao ter viaxado desde os dezaseis anos ao estranxeiro sen os meus pais, xa me sentín preparada. Sen embargo, os pais dos meus amigos españois preocupábanse por min ao verme tan xove e fóra do meu país.

A fin de contas, aínda que a Michelle lle custara ao principio adaptarse, estaba cumprindo un soño que tiña dende pequena. Aprendeu moito e, hoxe en día segue aprendendo cousas novas da nosa cultura. Nunca mirou cara atrás, senón sempre cara diante.