Francisco Martínez Canoura, o meu avó, naceu en 1930 en Foz (Lugo). Os problemas na súa familia comezaron pronto, en 1936, co inicio da Guerra Civil. O seu pai, republicano, tivo que escapar ao monte para evitar represalias. Os fascistas ían á súa casa e interrogaban á familia para conseguir información sobre o seu paradoiro, mais eles nunca o delataron. Ante esta enorme tensión e represión, moitos fuxían a América e a Europa.

O meu avó marchou en 1949 cando un tío seu, que marchara a Bos Aires escapando da guerra, lle enviou unha «carta de chamada». O seu pai conseguiulle unha pasaxe no barco Cabo de Hornos, que saía de Italia con escala en Cádiz, e acompañouno ata alí en tren. Mercáralle un billete en primeira clase, moitísimo máis caro, por non quedaren pasaxes máis económicas. Aínda conserva o billete, de 5963 pesetas, unha auténtica fortuna naquela época. O meu avó, que tiña daquela dezanove anos, lembra a sensación de incomodidade e inseguridade que lle producía non coñecer os modais e costumes na mesa nin os hábitos de comportamento social naquel ambiente tan elitista.

A viaxe durou ao redor dun mes. Os tripulantes de primeira clase podíanse mover con liberdade polo barco, mentres que os demais pasaxeiros non podían saír do sitio asignado para eles. Durante a viaxe, un mozo que tiña unha empresa en Bos Aires ensinoulle os modais e hábitos propios dese ambiente e prestoulle 100 pesetas, xa que o meu avó levaba tan só unha pequena maleta con todo o que tiña. Uns meses despois da súa chegada xa lle puido ir devolver o diñeiro, tal e como lle prometera.

Ao chegar a porto a xente agardaba para recoller os familiares menores de idade, e ao meu avó esperábao o seu tío, que vivía preto do porto de Bos Aires. El deulle un bo traballo na súa empresa, e así comezou a súa próspera vida na cidade bonaerense. Traballaba moito, mais por fin a vida lle sorría. No Centro Galego de Bos Aires, onde se reunían todos os emigrantes galegos, coñeceu a miña avoa, filla dun dos fundadores do Centro. Alí naceu o seu fillo, o meu pai, que se librou de ir á Guerra das Malvinas contra Gran Bretaña grazas a ter a dobre nacionalidade, e alí nacín eu, o seu neto.

Cos anos, a vida no país foi empeorando e cada vez resultou máis difícil para todos. En 2002, pouco tempo despois de nacer eu, a familia ao completo decidiu marchar na busca dunha vida mellor, e así foi como os avós, os meus pais e eu viñemos para España. Primeiro instalámonos en Foz, e pouco despois mudámonos para Lugo por motivos laborais.

O meu avó fala do bo trato que A Arxentina lle daba á emigración galega. Ninguén se sentía discriminado, senón que alí se valoraba o esforzo e a dedicación que os emigrantes poñían no seu traballo e nun país que non era o seu, caso contrario ao que vivimos os meus pais e eu na nosa experiencia como inmigrantes en España.

Autorización paterna xa que era menor de idade
Billete de ida á Arxentina no barco Cabo de Hornos
Certificado médico, imprescindible para poder embarcar
Certificado médico, imprescindible para poder embarcar
Documento de compromiso do tío no que se fai responsable do menor
Carta de invitación do seu tío para emigrar á Arxentina
Pasaporte