Cóntanos a miña avoa que a súa curmá Marisa, nacida en 1942 en Lugo, emigrara para Londres en 1959, cando só tiña 17 anos. Marisa quedara nova sen pais e precisaba buscar traballo; unha familia inglesa estaba disposta a contratala para ocuparse das tarefas do fogar e decidiu marchar para alá ela soa.
A súa chegada a Inglaterra, non foi afortunada, porqué o avión levou moito retraso e cando chegou, os señores que a esperaban para contratala, xa non estaban. Marisa sentouse na súa maletiña cun pano vermello ao pescozo que levaba de sinal para ser identificada. Non puido máis que chorar desesperada pola situación, xa que se encontraba soa nun país alleo. Non falaba inglés, non coñecía a ninguén e non sabía que facer.
Un cabaleiro que esperaba a súa viaxe reparou nela, e apiadouse da súa situación.Tratábase dun home de orixe xudía que había pouco que tivera unha pequena. El ofreceuse a axudala. Marisa ensinaríalle o castelán á pequena a medida que fora medrando e ao mesmo tempo a propia Marisa iría aprendendo inglés. Así pasaron os primeiros anos, Marisa aprendía a falar inglés, mentres ensinaba á pequena a falar o castelán.
Cando esta etapa finalizou, a familia xudía pediu axuda a un convento, onde lle buscaron un novo traballo como cociñeira nun hoteliño inglés. Alí coñeceu ó que sería o seu home, Felipe, outro emigrante de orixe portuguesa, que traballaba de mecánico.
Afortunadamente a soidade de Marisa e Felipe rematou, e iniciaron unha vida en familia deixando atrás os tempos de tristeza e desventuras.
No 1989, xubilados, deixaron Londres e voltaron para Breixos de Azeitao, en Portugal, e establecéronse alí . Agora contan con morriña os recordos e ensinanzas dun país que os acolleu e lles ensinou outras disciplinas e costumes, unhas mellores e outras distintas pero no fondo permitiulles aprender da vida o que hoxe son.
Falan con cariño daquel país e desexaban volver calquera día.

Marisa, na súa época como emigrante, vén a Lugo para asistir a unha voda familiar
Mentres vivía en Londres, Marisa mantivo contacto permanente coa súa familia a través de cartas
Marisa na súa época de emigrante en Londres
Marisa e o seu home, Felipe, con Ana, a rapaza da familia que recolleu esta historia
Marisa, xa xubilada, en Lugo