Benito Pérez Cividanes, o meu bisavó, naceu nunha aldea galega, Camposancos, na beira do río Miño, situada no concello de A Guardia, en Pontevedra, no ano 1902. Benito tiña un irmán, José e unha irmá, Josefa. Con catorce anos, no ano 1916, levouno a Porto Rico unha familia da mesma aldea que xa tiña alí negocios, formada por don Carmelo, a súa muller e o seu fillo pequeno. A viaxe foi en barco e durou máis de un mes.
Don Carmelo tiña un negocio de lavandaría en San Juan de Porto Rico, nesta lavandaría lavaban tecidos de Nova Iorque e sombreiros ''hippy-happa´, para darlles forma. Na lavandaría utilizaban auga quente e para quentar a auga a caldeira tiña que estar acesa todo o día, as vinte e catro horas. Benito, como era o encargado da caldeira, vivía na lavandaría, aínda que comía e ceaba coa familia.

Don Carmelo tiña un vello coche, un Haiga americano precioso, e todos os domingos levaba a familia e mais a Benito a bañarse na praia de San Juan. Benito estaba tan contento que, para demostrar o seu afecto a don Carmelo, todas mañás se erguía cedo para limpar e abrillantar o seu coche. Benito como era moi espelido, fixábase en como conducía don Carmelo cada vez que ían á praia. Un día don Carmelo aparcou o coche nun garaxe bastante lonxe da súa casa e Benito conduciu o coche polas estreitas rúas do vello San Juan e aparcou o coche xusto diante da porta da casa de don Carmelo. Ao día seguinte, con moita sorpresa, don Carmelo atopouse con que tiña o coche xusto diante da casa.

Tres anos máis tarde, el e outro rapaz do baixo Miño montan o seu propio negocio e vanse a vivir a Arecibo, outra cidade de Porto Rico. O negocio é de venta de zapatos, que importan de Nova Iorque.

Un día, estando de viaxe en Nova Iorque paran nun casino e atópanse con dous rapaces moi simpáticos, empezaron a falar e a preguntarse de onde eran, tal e cal e ao final decatáronse de que eran todos da mesma aldea, Camposancos. Por se iso fose pouco remataron dándose conta de que eran primos irmáns. Dende aquela fixéronse moi amigos e ao cabo duns anos acabaron sendo socios.

Benito mantívose nese negocio ata que no ano 1926 o seu irmán Xosé, ao que chamaban Pepe, marchou vivir a Santo Domingo (capital da República Dominicana), onde xa vivían algúns familiares e tamén outra xente de Camposancos. Pero alí, en Santo Domingo había moi pouco negocio.
Finalmente Benito e Pepe establécense en Santo Domingo e montan outro negocio de zapatos. O material mércano en Boston e en Nova Iorque e logo distribúeno por toda a illa empregando para o seu transporte mulos. Así van facendo cartos, ata que deciden comezar a fabricar eles mesmos os zapatos en vez de mercar o produto xa feito e finalmente montan unha gran fábrica de calzado.

Aparte da fábrica tamén tiñan unha tenda na capital de Santo Domingo que era tan luxosa que ía mercar zapatos ata o mesmísimo ditador Trujillo.
Uns anos máis tarde Benito namórase dunha muller da que era veciño antes de irse para Porto Rico, Nicasia, coa que casa e volve a vivir a España no ano 1939.

Fóronse a vivir a Vigo, lugar onde Benito e Pepe montaron un tempo despois unhas tendas de roupa para mulleres e homes con firmas moi coñecidas como “Loewe” e roupas importadas de Inglaterra e roupa de ''dandi´´. Esas tendas foron as máis grandes e importantes de Vigo e case de Galicia. O nome das tendas era Blancazul, para mulleres e nenos, e Roupar, para cabaleiro.

Cos cartos que fixeran el e Pepe, construíron unha casa indiana en Camposancos onde veraneaban eles e os seus fillos.

Benito tivo dez fillos coa súa muller, Nicasia; a penúltima deses dez é miña avoa.
O meu bisavó morreu no ano 1970 na clínica Puerta de Hierro de Madrid, onde estaba sendo tratado dun cancro, aínda que a el gustaríalle morrer en Camosancos, onde finalmente foi enterrado.