A HISTORIA DO MEU AVÓ
Meu avó chámase Valentín Mesa Rodríguez. Naceu o 24 de outubro de 1929 e viviu en Lamas de Moreira (A Fonsagrada) onde casou coa miña avoa Matilde López Álvarez.
Tiveron catro fillos: José Luís, María Isabel, Óscar (o meu pai) e Juan Carlos.
A familia vivía da agricultura e a gandería. El traballou no campo e máis tarde nas minas en Asturias.
O meu avó emigrou para Francia no ano 1963, cando tiña 34 anos. A súa familia, muller e fillos quedaron en Lamas. Viaxou en tren a Francia para conseguir un bo traballo e cartos para poder levar a familia con el. Pero tivo un pequeno problema, xa que non levaba pasaporte, por iso, tivo que volver á súa terra (Lamas) para conseguilo.
Por fin puido emigrar. En Francia coñecía a varias persoas, pero, o máis especial para el foi o seu amigo Adolfo Álvarez, que lle axudou a adaptarse.
En Francia traballou polas noites na recollida de remolacha.
Compartía piso con dous emigrantes máis. O meu avó cociñaba, outro compañeiro limpaba e o outro non facía nada. O día que xogaba o Madrid os tres saltaban na mesa do salón e cantaban o himno do Madrid.
Ao meu avó a emigración abriulle a mente e ensinoulle que hai máis mundo fóra de Lamas de Moreira.
Ao volver de Francia emigrou para Barcelona no ano 1967, onde conseguiu unha barraca (casa de madeira). Traballou nunha fábrica de vidro, pero co paso do tempo volveu a Lamas debido ao clima húmido da cidade, que non lle ía ben para a súa saúde. Ao volver cedeulle a barraca a súa irmá, Elvira, emigrada tamén.
Pasou unha boa temporada en Lamas ata que a familia por completo se mudou a Saavedra no ano 1975.
Meu avó morreu con 84 anos, hai algún tempo, exactamente o 25 de Abril de 2014 debido a unha enfermidade chamada Alzheimer.