O meu avó, Ramón Reza Fernández, naceu en Celanova (Ourense) o día 24 de setembro de 1925. O seu pai era avogado e secretario do concello de Celanova. Ramón vivía nunha casa na vila de Celanova onde residía xunto con varios dos seus doce irmáns.
Con 29 anos emigrou a Colombia para atopar traballo e coñecer mundo. Foi en barco, dende Barcelona o día 25 de maio de 1954. Tres semanas despois chegou a Barranquilla, o día 19 de xuño do mesmo ano. Era solteiro e foi só. Os seus irmáns quedaron, e as súas irmás emigraron tamén, unha a Estados Unidos e outra a Guinea.
Para poder ir a Colombia tivo que vacinarse da febre amarela e revacinarse da varíola, tamén necesitou un visado. Para poder moverse por Colombia e poder traballar tivo que pedir tamén un permiso de traballo. Estivo en varias empresas diferentes por toda Colombia. Todas elas estiveron satisfeitas do seu traballo polo que antes de irse dunha empresa a outra escribíanlle unha carta de recomendación. Alí estivo algo máis de 12 anos.
Comunicábase cos seus familiares a través de cartas, gravacións de discos e fotografías. Así lles explicaba como lle ían as cousas por alí. Ao chegar a Colombia, non coñecía a ninguén pero durante os anos que estivo, foi coñecendo a xente que ao final convertéronse en amigos seus.
En novembro de 1967 regresou e instalouse na cidade de Ourense onde quedaría a vivir o resto da súa vida. Atopou traballo como director de persoal nunha empresa. Máis tarde coñeceu a Rosa, a miña avoa. Casou con ela e tivo catro fillos.
A emigración valeulle para coñecer diferentes culturas, diferentes maneiras de traballar e colleu experiencia.

Barco Monte Altube, no que Ramón foi a Colombia
Billete de Ramón Reza para o barco Monte Altube
Certificado de vacinación
Visado de Ramón