O meu nome é Xosé, malia se prefires podes chamarme Pepe. Nacín o 6 de abril de 1941, dende pequeno sempre vivín na mesma pequena vila, todos os días era a mesma monotonía, para poder subsistir na chamada época da fame: que se tiña que axudar na casa, que se había que plantar, que necesitabamos ir ao mercado… Todos os días iguais, ata que de súpeto xurdiu un cambio na miña vida. Xurdírame a oportunidade de descubrir un novo país onde poder comezar a traballar cun soldo digno, xa que neses anos a economía española non pasaba pola súa mellor etapa e ademais os soldos eran demasiado baixos comparado co esforzo que tiñas que facer para conseguilo.
O 6 de xaneiro de 1958, con tan só 17 anos, cheguei coa miña nai ao aeroporto de Madrid onde embarquei, para máis tarde reunirme cos meus tíos no meu novo país. Por desgraza miña nai non puido acompañarme e esa mesma tarde, regresou a Galicia coa miña apreciada avoa.
Case me esquece, eu dirixíame a un país moi pequeno chamado Uruguai, como dicían alí: “Un país chico, pero con grandes persoas”. Despois de 18 longas horas de voo aterrei en Montevideo, a capital do país onde estaban a esperarme meus tíos. Esa mesma noite paseina na casa da miña tía Balbina. Xa á mañá seguinte marchei co meu tío cara o meu novo traballo. Dende entón converteríame en zapateiro onde pouco a pouco meu tío instruiríame como facer os diferentes tipos de zapatos, para anos máis tarde continuar co que el comezara. Co pouco que puiden estudar no colexio, cada íame dando conta de cómo a inmigración afectaba ao país. A meirande pare dos inmigrantes pertencían ao pobo xudeu, que fuxira da gran guerra que devastara Europa.
Nada máis chegar alí fun integrado por toda a poboación; ninguén me discriminaba, era como encontrarme no meu propio país, para o meu traballo tiña que erguerme bastante cedo xa que necesitaba coller dous autobuses ata poder chegar á zapataría onde tamén residía meu tío. Meu tío ademais de traballar na zapataría era socio dunha empresa de curtidos xunto ao seu fiel amigo Don Xulián Pérez un señor moi alto e impoñente, mais cun gran corazón. Como xa expliquei anteriormente, Montevideo estaba cheo de inmigrantes e para miña sorpresa algúns anos despois da miña chegada encontreime con dous monfortinos cos que me vía a miúdo para falar da nosa vida cando estabamos en España e comparala coa que levábamos agora. A nostalxia non era moi notable polo día cando estaba cos meus tíos, pero ao chegar a noite a morriña e desexo de volver ver a miña nai non me deixaban concibir o sono.
Xa seis anos despois da miña chegada por fin cumprira o meu obxectivo, conseguira o suficiente diñeiro para poder axudar economicamente a miña nai e reservar un pouco para min, así que decidín regresar en barco con rumbo cara España. O 2 de outubro de 1964 regresei á miña casa para continuar a vida coa miña familia e por fin poder comprarnos unha casa propia.
Hoxe en día vivo na miña cidade natal, recordando vellas historias e quero recomendarvos a todos que no lle temades a emigración. É unha experiencia moi satisfactoria onde podedes atoparvos con novas amizades e descubrir novas culturas. Por iso anímovos a nunca ter medo e mirar cara diante con moitas esperanzas e a cabeza ben alta.

Billetes que se utilizaban na época na que Xosé estivo en Uruguai
Unha das numerosas cartas que enviaba á súa nai
O día da Hispanidade xunto ao embaixador de España en Uruguai
Xosé cos seus tíos
Traballando na zapatería xunto cun amigo