Eu son Lucía Rodríguez Abellano e curso terceiro de secundaria no colexio P.P Escolapios en Monforte de Lemos, una vila que se atopa na provincia de Lugo. Os protagonistas desta historia, son os meus avós: Jose Luis Abellano Arias e Edita Sánchez Rodríguez. Meu avó naceu en Pantón o 11-11-1941, e miña avoa en Saviñao, o 29-01-1946. Emigraron a Suíza, a Zürich concretamente, no ano 1967, cuns meses de diferenza: el en xuño e ela en setembro; e ambos retornaron o 30 de xuño de 1973.
A causa da súa emigración foi para aventurarse a encontrar algo mellor, Edita concreta que polo futuro dos seus fillos, tamén por necesidade, para sacalos adiante. José Luis tiña 26 anos, e Edita tan só 21. Él exerceu principalmente como limpador dun restaurante, aínda que tamén traballou por breves tempadas como camareiro nunha pizzería, ou como carpinteiro. Ela traballou como “camareira de hotel”, un termo que é utilizado para denominar a aquelas persoas que se encargan da limpeza das habitacións dun hotel. E ao igual que Luis, encargouse tamén doutros labores pasaxeiros, como limpar oficinas.
Os seus oficios a pesares de todo o bo que obtiveron deles, foron duros. A súa vida cotiá alí, ambos a definen como “moi boa” simplemente; din ter estado alí a gusto en todos os sentidos: co resto dos emigrantes, cos seus patróns e cos suízos. Destes últimos salientan a súa forma cortés, o ben que os trataban, e lembran con ledicia e nostalxia como as xentes daquel lugar se esforzaban por entenderse con eles se necesitaban algo, a pesares de non falar a mesma lingua e proceder de diferentes lugares. Afirman terse integrado perfectamente xa que eran ben acollidos, e non ter tido problemas con ninguén nin tampouco ninguén con eles.
A relación coa familia, a pesares da distancia, din que era boa, mais tamén dura e mísera ao mesmo tempo; “15 días carta de Suíza a España, outros 15 de España a Suíza, durante un mes sen saber nada da túa familia”. Luis reflexiona e comenta: “non había nin teléfonos nin nada diso”. Se nós a día de hoxe pensamos nisto, comprobamos que ten razón: a comunicación sería moito máis difícil.
O motivo do seu retorno foi precisamente a familia, os seus dous fillos; a dúbida estaba entre voltar ao seu país, ou levar aos nenos con eles. Finalmente decantáronse pola primeira idea, polo feito de non separalos dos avós, que os coidaran de pequenos. Debo aclarar e mencionar algo sobre isto último. Un dos dous fillos deste matrimonio, o máis pequeno, estaba enfermo, xa de nacemento; cando eles emigraron, necesitaban diñeiro para operalo. Ao retornar, o neno foi operado con 5 anos, mais aos poucos días da súa operación faleceu desgraciadamente, un transo moi duro para Luis, Edita e o resto da familia. Arrepíntense de non ter pasado máis tempo cos seus pequenos na súa infancia.
Sintense ben a pesares de todo o difícil que foi deixar todo atrás naqueles tempos, era necesario. E realmente non se arrepinten de ter sido emigrantes. Grazas a isto, explican, teñen unha boa casa onde toda la familia podemos acollernos, e moitas outras cousas, xa non só materiais, senón que tamén contan coas experiencias e vivencias pasadas. Aseguran que se fosen mozo volverían emigrar de novo.

Carta que recibiron da súa familia
Documento do hotel no que Edita traballaba
Documento do restaurante no que José Luis traballaba
Ficha de vacinas de Edita
Foto 8
Permiso internacional de conducir de José Luis