A protagonista da miña historia de vida é a miña avoa Josefina Martínez Páramo, que emigrou a Bruxelas, Bélxica, no ano 1965 cando tiña 20 anos de idade. A miña avoa a verdade non emigrou a Bélxica en busca de traballo, senón que foi unha forma de saír do rural, e deixar de traballar no campo, ''quería coñecer outro país, aínda que fora adiantada para a miña época´´.

Foise con 20 anos e empezou a traballar de criada interna, tendo dereito a unha habitación e a unha comida diaria, por iso todo o que lle pagaban sacábao en limpo. A verdade ao principio non o pasou nada ben ''fun, derramei bágoas porque non sabía o que era erguerse ao toque dun reloxo, non sabía o que era comer cun garfo nin cun coitelo, pero logo por aquel amor propio aos tres meses non regresei a España, quedeime durante un ano´´.

Xa que saír do teu país e de súpeto verte cun idioma distinto coas súas costumes non era nada doado, estudou ese idioma para poder falalo grazas á radio, pero sen idea de escribilo. Un día nunha discoteca coñeceu ao meu avó Francisco. Casaron aquí en España e tiveron dous mellizos chamados Francisco e María Xosé, aos que a causa do traballo os tivo que deixar na aldea cos seus pais. Máis tarde naceu o seu terceiro fillo chamado Fidel; a partires dese momento todo empezou a mellorar. Nese tempo traballaba coidando a un neno mais ou menos da idade de Fidel vivindo nunha pequena casiña con xardín.

Entón foi cando puido regresar a España a buscar aos mellizos e mudarse a vivir nunha casa da empresa onde ela traballaba de conserxe, encargándose das chaves, as alarmas, etc. O meu avo traballaba fóra de Bruxelas polo tanto ela sempre tivo que tirar soa dos seus fillos.

Ao final regresaron a España xa que a familia estaba aquí, ademáis de motivados pola diferenza no nivel de vida, ''viñen porque a vida é mais barata aquí que alá, tiña a miña familia, os meus fillos, a miña irmá... pero se tivera que irme pasado mañá iríame sen dubidalo´´.

A miña avoa viviu esta etapa da súa vida como unha experiencia moi positiva e chea de moitos bonitos recordos, que lle volven á súa mente e que me conta cando paso tempo con ela.

Foto 1