A miña avoa emigrou a Alemaña no ano 1971, con dezaoito anos, debido á falta de oportunidades e ás malas condicións de traballo que había en España naquel momento.
Traballaban moito, e no tempo libre os emigrantes xuntábanse no Club Galego para cantar e bailar. Dous anos despois casou en Alemaña, e en 1975, días antes de dar a luz, regresou a Galicia para que o seu fillo nacese aquí. Debido a motivos económicos, a avoa tivo que se separar do seu fillo ao nacer: o neno, o meu pai, quedou aquí ao coidado dos seus avós e ela volveu para Alemaña. O regreso fíxose difícil, xa que naquel momento o seu home estaba en España cumprindo co servizo militar e ela estaba soa no país.
Cando o avó rematou o servizo militar ela regresou, pois xa xuntaran os suficientes cartos para pasar unha boa tempada. A miña avoa viviu a experiencia da emigración con moita morriña, mais feliz por ter coñecido alí o seu home. Aínda que sempre se sentiu moi ben tratada en Alemaña, o regreso á terra foi un acontecemento feliz por poder estar a familia unida.