José, o meu bisavó paterno, pai do meu avó, emigrou a Cuba en 1920. Con vinte anos marchou en busca de traballo e oportunidades, xa que aquí non había, e naquel tempo Cuba, A Arxentina, Perú ou O Brasil eran países moi avanzados economicamente.
O bisavó foi xuntando algúns aforros para mercar o billete de barco, que saía desde o porto de Vigo. Ao chegar a Cuba, despois dun mes de viaxe en barco, dirixiuse á Casa de Galicia, e alí conseguíronlle un traballo cortando cana de azucre. Un día mentres traballaba, ás dúas fillas do dono avarióuselles o coche e foi o meu bisavó quen llo amañou, pese a non ter carné nin coche. Como compensación, o dono da plantación ascendeuno e púxoo como chofer, polo que a súa vida mellorou moito: Nun primeiro momento vivía en barracóns e despois puido alugar un piso xunto con outras persoas.
O bisavó José marchara sen nada, e ao volver, en 1928, traia un baúl cheo de roupa e bastantes aforros cos que puido comprar terras, polo que a emigración fixo que a súa situación mellorase moito.