A emigración xogou un papel moi importante na miña familia materna. O meu tataravó por parte de nai emigrou á Arxentina no ano 1940, xusto despois da guerra civil española. El, que non sabía ler nin escribir, non podía comunicarse coa súa familia de ningún xeito.

Na Arxentina empregouse nunha fábrica e, como era un gran traballador, ofrecéronlle ascender a supervisor. Ao ser analfabeto, non puido aceptar o ascenso, porén, o que cobraba no seu posto bastáballe para vivir.

Durante a súa estancia no país arxentino permaneceu en prisión durante un tempo, debido a un mal entendido. Finalmente, todo se solucionou, e o meu tataravó puido volver a Galicia cun pouco máis de diñeiro para manter a súa familia. Naquel momento, para o meu avó, que perdera o seu pai durante a guerra, o regreso do seu avó da Arxentina foi moi importante.

Na miña familia tamén existen outros casos de emigración, como o da curmá da miña avoa, que marchou a Suíza, ou o duns tíos avós que emigraron aos Estados Unidos. Mais, sen ningunha dúbida, a experiencia migratoria máis significativa para nós foi a do meu tataravó.