Vouvos contar a historia de Agapito, un dos catro irmáns que tiña miña bisavoa Pura. Todos eles viviron nunha localidade moi pequena de Parada do Sil que se chama Castro. Eu non coñecín a miña bisavoa nin os seus irmáns, pero á miña nai e á miña avoa sempre lles escoito contar cousas desta parte da familia.
Como eran moitos fillos e non había para darlles un porvir a todos, Esperanza, súa nai, decidiu enviar á Arxentina a dous dos seus fillos. O primeiro que se foi era Pedro e despois, Agapito. Creo que foi sobre o ano 1939.
Ao principio foi duro para el, pero soubo ser valente e manterse grazas a un traballo que atopou de conserxe nun hotel. Non cobraba moito, pero chegaba para pagar o alugueiro da pensión onde vivía e para poder comer. Co paso dos anos, coñeceu a Consuelo, casaron e xuntos abriron unha lavandería. O negocio foi bastante ben e tiveron un fillo, Héctor, co que viñan, polo menos unha vez ao ano, a España para que vise os seus avós e pasar uns días coa familia.
Cando Héctor se fixo maior e acabou os estudos, empezou a traballar tamén nun hotel como fixera seu pai, pero no seu caso tivo máis sorte e, xunto con outros socios, se fixeron en Bos Aires cun hotel que se chamaba Principado.
Héctor tiña moita axuda do seu pai, que o apoiaba e o axudaba económicamente, e de feito, pasou algún tempo colaborando tamén co seu fillo no hotel, pero, a medida que Héctor se ía metendo máis neste mundo, Agapito foino deixando para que se defendese só e así poder dedicarse máis á súa lavandería, que era o que máis lle gustaba, e á súa muller.
Cos anos Héctor casou cunha moza arxentina que se chamaba Norma e tiveron dous fillos, os netos de Agapito aos que quería moitísimo. Foron anos bos para eles grazas ao hotel: Héctor e Norma viaxaban moito cos seus fillos, viñan a España para estar coa familia sempre que o permitían as vacacións escolares, que eran en épocas do ano distintas ás nosas.
Pero o bo se acaba, Agapito faise maior e enferma de leucemia; cando morre, Héctor faise cargo da súa nai, que sufriu moito.
O negocio do hotel seguiu, pero a vida vai cambiando: os fillos de Héctor son maiores e teñen a súa vida independente dos seus pais. Sabemos que Consuelo morreu tamén e Héctor segue mantendo contacto con nós por teléfono moi a miúdo, sobre todo co meu avó, co que se leva moi ben e quérense moito. Agora, a Norma e a Héctor tócalles axudar os seus fillos e a súa neta, a historia repítese. Hai moito que non veñen a España; espero que teñan sorte e que algún día poida coñecelos.