A miña avoa María decidiu emigrar en 1959, con vinte anos, ao quedar embarazada e soa. O pai non se fixo cargo do neno, e nesa época, nunha aldea pequena en que todo o mundo se coñecía, ser nai solteira estaba mal visto. Nun principio tiña en mente marchar a Venezuela, mais ao pecharse a inmigración no país, tivo que cambiar de destino.

Tres anos despois marchou para O Brasil, deixando o pequeno ao coidado dos avós. Alí tivo diferentes empregos e foi buscando sempre unha mellora nas condicións de traballo. Empregouse como dependenta, asistenta na embaixada de Perú ou encargada nas labores do fogar. O país suramericano deulle unha boa acollida e tivo unha experiencia laboral satisfactoria. Fixo boas amizades cunha moza de Pontevedra e coñeceu o seu home, o meu avó, tamén emigrante pontevedrés.

A avoa púxose enferma e o clima tropical non lle conviña. Ademais, levaba mal ter o seu fillo lonxe, así que, tras cinco anos no país, o matrimonio regresou a España. Despois emprenderon de novo rumbo á emigración, a Francia, levando esta vez o fillo. Alí a avoa conseguiu un emprego no CNRS (Instituto de Xenética Molecular), e tempo despois naceu o meu pai en París.
María, a miña avoa, relata a súa experiencia na emigración como dura ao principio, xa que deixaba a familia e o seu fillo atrás. Aínda se entristece ao lembrar o motivo da súa marcha, mais está satisfeita de telo feito, pois foille ben economicamente e serviulle para coñecer o seu home.