Olivia Estela Coy Bac emigrou a México en 1985, cando contaba vinte e cinco anos. Aos dezaseis anos casou con Carlos Hernández e tiveron 3 fillos: Darwin, Verónica e Yohana. A situación económica da parella era complicada, xa que o seu home traballaba no comercio, cun soldo moi baixo, e ela era ama de casa.
En 1985, con vinte e cinco anos, decidiu emigrar para poder darlle unha mellor vida e unha mellor educación aos seus fillos. Por medio duns paisanos guatemaltecos conseguiu traballo nunha pupusería en México, unha tenda onde venden empanadillas e tacos mexicanos. O diñeiro que gañaba enviáballo á súa familia para pagar a alimentación e educación dos seus tres fillos.
Olivia pagou un visado de tres meses para México e ao final quedou tres anos ilegalmente. A súa vida como emigrante consistía en traballar de luns a venres doce horas ao día para conseguir gañar máis diñeiro e aforrar. Alí vivía con tres mozas chamadas Rosa, Irma e Elsa. Daquela convivencia lembra con especial cariño as celebracións do seu aniversario, o 25 de decembro. As súas compañeiras de piso preparábanlle unha especie de bautismo con champaña e un pastel.
Como anécdota, Olivia conta como coñeceu un mozo chamado Héctor Ernesto, con quen coincidía todos os domingos despois de xantar na basílica de Guadalupe. Pouco a pouco fóronse namorando, mais para ela era un amor imposible, xa que estaba casada. Ao final déronse conta de que a súa relación non podía funcionar, e Ernesto marchou aos Estados Unidos.
As relacións coa súa familia era complicada, xa que Olivia só podía enviar dúas cartas ao ano e tiña poucas noticias deles. Con todo, pese a isto, ela séntese moi feliz de ter emigrado, xa que puido vivir moitas e experiencias e mellorar a súa situación económica.
En 1990, con trinta anos, Olivia regresou porque xa tiña o diñeiro suficiente e porque non podía estar tanto tempo sen estar co seu home e os seus fillos.