Era o maior de dous irmáns. Os seus pais emigraron previamente polo que eles quedaron a cargo do sacerdote da parroquia. Dous anos despois, o seu pai envioulle unha pasaxe dende a illa para que cos seus 14 anos viaxase só para atoparse con eles. Corría o ano 1923. Foi unha viaxe moi dura, cunha duración de máis de 20 días nun vapor procedente do porto de Vigo.
Unha vez chegou o navío á Habana reencontrouse cos seus pais que se atopaban traballando na cidade. Él, que tiña un gran espírito emprendedor, comezou a traballar na hostalería. Comezou como mozo dos recados antes de ser camareiro dun café chamado “Café español”, situado próximo á Universidade da Habana, polo que a súa principal clientela formábana os estudantes. Transcorrido un tempo, o propietario do café, que tamén era emigrante decidiu volver a España e ofreceulle traspasar o negocio no que o meu bisavó traballara durante estes anos. El aceptou a súa oferta. O negocio marchaba ben e puido permitirse ter a 3 camareiros no seu servizo, todos emigrantes galegos. Por esa época, os seus pais decidiron volver á España pero el decidiu quedar en Cuba, xa que os seus negocios marchaban ben e ademais coñeceu á que sería a súa futura esposa, María de la Torre. Ela rexentaba unha casa de comidas no centro da cidade, próximo ao edificio do Centro Galego da Habana, á que el ía comer a diario. Ela tamén era galega, dunha parroquia próxima a Sarria. Despois dunha tempada de noivado decidiron casar. A pesar de traballar moi duro, gozaban dunha boa situación económica , xa que os dous eran os propietarios dos seus respectivos negocios. Ademais a Habana de finais dos anos 20 e comezos dos 30 tiña comodidades (pola influencia estadounidense) como refrixerador ou máquina de xeados que non coñecían anteriormente. O seu soño era aforrar para construír unha casa nun barrio chamado “O Vedado” e mercar un automóbil.
Máis tarde, o goberno cubano promoveu unha lei para fomentar a contratación de traballadores nativos. Como todos os seus traballadores eran españois, viuse obrigado a despedilos e quedar cun só empregado ao seu servizo. Todo isto coincidiu cunha época de tensión política moi grande no país, que propiciou o peche da universidade. Como xa mencionei antes, o seu café vivía dos estudantes, polo que o negocio resentiuse moito. A súa muller quedou embarazada e, a pesar de que a casa de comidas aínda era moi rendible, ela quería retornar a Galicia para dar a luz alí, xa que moitos dos seus familiares e amigos volveran xa. Era a primavera de 1936. José non estaba convencido xa que as escasas noticias procedentes de España evidenciaban unha situación moi delicada e de gran tensión nacional. A República estaba nunha situación complicada. Finalmente, sen resolver definitivamente a venda das súas propiedades, emprenderon a viaxe de volta. Este travesía foi aínda máis dura que a inicial debido ao estado de María. Ao pouco de chegar estalou a guerra civil (1936-1939) deixándoos atrapados en España sen poder regresar á illa. A pesar dos arduos intentos do meu bisavó, chegando mesmo a tentar ir de polizón nun buque, xamais regresaron á Habana.

 

Fotografía do matrimonio despois de casar