Eu vou contar a historia da miña familia, que foron emigrantes primeiro en América e despois en Europa.
A historia contaronma os meus avós e eu limiteime a escribila.
Alá polo ano 1930 na Galiza rural era moi difícil a supervivencia, a pesares de que moitas familias posuían casa, terras de labranza e gando, isto só era para o autoconsumo e carecían de diñeiro para mercar manufacturas, para ir ao médico ou para mercar as medicinas...
Por iso, moitas familias tiveron que emigrar, entre elas, o meu bisavó e mais o meu avó, foron dous exemplos en distintos momentos, do que foi a emigración en Galiza.
O bisavó emigrou a Buenos Aires no 1933, partíu dende o porto de Vigo nun buque que carrexaba centos de emigrantes para as Américas e tardaba, polo que me contaron, 15 días en chegar ao seu destino final.
Podedes imaxinar o que sentiría o meu bisavó ao ser a primeira vez que vía o mar e pasar 15 días pechado no barco pensando como estaria a súa familia e que lle agardaba a él nun país tan lonxano e descoñecido?

O meu bisavó deixou á súa muller a cargo de tres nenos e das tarefas da casa, do campo e do gando. Os meniños eran -María, de 13 anos, Josefa de 10 e José, o meu avó, de 6 anos.
Aló, o bisavó traballou nunha pastelería e así, cando volveu, toda a familia aprendeu a facer biscoitos, madalenas e brazos de xitano no forno de pedra.
Aínda hoxe nos gusta moito facer doces.
O bisavó estivo seis anos en Bos Aires e regresou no ano 1939, despois da Guerra Civil en España, e tivo moita sorte porque pensaba voltar nun buque chamado “ Cabo San Antonio” pero a bisavoa díxolle que agardase un pouco mais porque aínda non rematara de todo a guerra, e él fíxolle caso.

Despois sóubose que o buque foi afundido nas Illas Canarias.

Mais despois da guerra a situación do rural non mellorou nada e no ano 1969 foi o meu avó José Pájaro Curros quén decidiu emigrar, neste caso a Suiza, aos Alpes. Alí traballou nun hotel pero entendeu que non lle gustaba moito a neve e a montaña, polo que o cabo de seis meses voltou a Galiza.

Ao ano seguinte voltou a emigrar, esta vez a Alemania para traballar durante seis anos na construcción. Neste tempo a miña avoa Dolores quedou tamén soa con tres fillos pequenos, Pepe de 13 anos, Luis de 11 e Teresa (miña nai) de 6, e tamén tivo que coidar da casa e do gando.

Naquela época non habia autobús para ir á feira ou para ir á escola polo que o único medio era camiñar 10 kilómetros, así que os meus avós decidiron internar aos fillos nun colexio e así a miña avoa quedou soiña coidando da casa, a horta e os animais (novamente como a miña bisavoa).

Tamén a miña nai conta entre as súas lembranzas de infancia que o bisavó a levaba con él subida nunha besta a visitar aos seus veciños.
Coido que ninguen de nós podería con tantos traballos e angustias.
Menos mal que o avó regresou no ano 1975 e todos comezaron unha nova vida. Cando lle preguntei ao avó que fixera co diñeiro que gañara dixo que mercou un tractor para non ter que traballar tanto e deixou unha parte para os estudos dos seus fillos.
Durante este tempo os avós enviábanse cartas contando as súas penas, que non foron poucas.
A pesares de todo, o avó garda bos recordos do seu traballo en Alemania, e fala moito do ben que se facían as cousas alí.
Froito deste traballo, aínda cobra unha pequeniña pensión polos anos da emigración.

Como vedes, son historia de dúas separacións nunha mesma familia en épocas diferentes mais, no fondo, pola mesma razón: buscar unha vida mellor para a familia.

Hoxe a emigración, aínda que segue a ser difícil para as familias, tamén é un pouco más levadeira ao poder coller un avión no que en dúas horas estás en Alemania, ou poder comunicarte coa familia e amigos directamente por Skype, Whatsapp ou mesmo por teléfono.

Por sorte, os meus pais non tiveron que emigrar e eu espero non ter que facelo.