Na miña familia houbo moitas historias sobre a emigración: teño tíos e avós que emigraron a Suíza, tíos e curmáns en Arxentina... Mais entre todas elas escollín a historia do meu bisavó Vicente, home que naceu en Coristanco arredor do ano 1895 e morreu en Xoane, Carballo, no 1993. Vicente emigrou dúas veces a Cuba, aproximadamente dous anos de cada vez, e con pouco tempo entre ambas as estancias. Pero, antes de contar a súa historia, teño que falar das súas motivacións, de que o empuxou a saír da súa terra.
Antes de marchar, él traballaba nas súas leiras e coidaba das dúas ou tres vacas que posuía, mais a súa situación comezou a cambiar ao que se adicou a coidar duns señores maiores, os cales, ao non ter familia, lle deixaron unha pequena casa máis unha leira en Sísamo ao morrer.
O que o meu bisavó non sabía é que estes bens que herdara traían unha gran débeda consigo, o que fixo que tivese que marchar a América para saldalas. A pesar de que a vida en Galiza nesa época era difícil, que o que máis diñeiro daba na súa zona era a minaría de volframio en Monte Neme, el sempre tivo a idea de volver, e por iso se dirixiu a Cuba, pois era un país con boa fama xunto con Uruguai, mais os que se establecían en Uruguai non adoitaban volver (como lle pasou ao seu cuñado, o cal abandonou finalmente á súa familia e formou unha nova alí).
Así pois, con 35 anos e deixando atrás á súa muller e aos seus catro fillos, embarcou chorando en Vigo. A viaxe en barco, de 23 días, foi unhas das súas maiores dificultades, debido principalmente á gran cantidade de xente e ás malas condicións do barco. Tan malas eran que un home morreu e outro estivo a piques. Estas duras travesías foron mellorando coa xeneralización dos buques a vapor e o aumento da velocidade, seguridade e regularidade das viaxes por este medio, mais na súa época e cos seus recursos non se podía pedir máis.
Cando chegou a Cuba, xunto con toda a xente do barco que non era reclamada por familiares ou coñecidos, dirixiuse a un lugar ao que chamaban triscornia. Nesta instalación, a xente vivía e agardaba ata atopar un traballo. Vicente conseguiuno grazas a un cuñado seu, que o puxo a traballar nunha fábrica de cemento en Camagüei, onde se estableceu nunha barraca. Porén, o traballo alí foi outra das súas adversidades, pois sentíase coma un escravo nas duras condicións da fábrica de cemento, téndolle sempre medo á corrente que marchaba constantemente. Despois disto estivo traballando nunha fábrica de xeo, pero os pesados bloques que tiña que carrexar e o extremo frío que pasaba alí acabaron con el. Finalmente, e durante o resto da súa estancia en Cuba, adicouse a cortar na caña de azucre.
Así, cando obtivo o suficiente diñeiro para saldar as súas débedas, volveu a Galiza, onde quedou pouco tempo antes de regresar a Cuba co fin de gañar algo de diñeiro para arranxar a casa. Alí, o único que lle axudaba a levar o día a día era a compañía dos amigos e amigas que fixera, mais a gran morriña que sentía pola súa terra levouno a volver a esta cando xuntou un pouco de diñeiro, tendo o meu avó, ao que lle agradezo que me contara esta historia, dez anos. Desafortunadamente, e probablemente debido á viaxe de volta en barco, o meu bisavó enfermou.
Nos derradeiros anos da súa longa vida, Vicente adicábase a traballar as leiras, coidar das súas poucas vacas e a traballar os xardíns duns irmáns de salientada economía que vivían en Carballo. Finalmente, morreu en 1993 en Xoane, unha pequena aldea no Concello de Carballo. Nesa mesma casa na que el morreu foi na que viviron posteriormente o meu avó e a miña nai e onde eu me criei. Esta foi a historia dun emigrante que, como outros tantos, non se enriqueceu coas súas viaxes, mais superou moitas dificultades e loitou para sacar adiante á súa familia, e por iso o escollín para tratar de resumir a súa vida neste breve escrito.