Como case todas as persoas de orixe americana, a miña xenealoxía é rica en historias de emigrantes, favorecida, entre outras cousas, por ser puntualmente Venezuela, ao longo da historia, un país receptor de inmigrantes.
Ao longo da historia, desde a época na que Venezuela era unha colonia española, e sendo un territorio con moitísimas riquezas naturais e cunha localización privilexiada para o comercio, os venezolanos somos unha mestura de incontables razas e nacionalidades.

Esta é a miña árbore xenealóxica, ata onde actualmente temos coñecemento. Nela podemos atopar a:

• Juan Urgelles, nado no ano 1800, quen segundo as investigacións aínda por confirmar, puido nacer en Vilanova, Cataluña, e trasladouse a América, desde o porto de Sitges, a bordo dunha saetía, como axudante de dous comerciantes que viaxaban a América para vender mercancía que levaban desde España. A súa esposa, Petronila Püig, tamén era, presumiblemente, de orixe catalá. Eles establecéronse no oriente venezolano, nunha poboación chamada Río Caribe, nun lugar privilexiado para o comercio entre terra firme americana e as illas do Caribe e Europa, ademais rica en cultivos de cacao que durante o século XIX foi un dos principais produtos de exportación cara a Europa. Alí tiveron a súa descendencia, entre os cales, 5 xeracións despois, está o meu avó materno.

• François Marie Antonorsi Franconni, meu tátara-tátaravó, tamén devanceiro do meu avó paterno, naceu no ano 1860 en Cagnano, Córsega, unha illa do mar Mediterráneo pertencente a Francia e que ata o século XVIII formaba parte de Italia. Desde alí trasladouse, cremos que cos seus pais, Pierre Antoine e Marie Rosarie a Río Caribe, a mesma poboación, onde casou cunha das descendentes de Juan Urgelles.

• Santiago Nicasio González Bethencourt, naceu no ano 1883 na Vila da Orotava na illa de Tenerife, Canarias. Aínda que descoñecemos as razóns que o levaron a emigrar xunto con algúns dos seus irmáns, sabemos que mentras viviu en Canarias exercía o oficio de carpinteiro e ebanista, e ao chegar a Venezuela traballou como cocheiro ou auriga. Viviu en Caracas, a capital de Venezuela, alí casou e tivo 3 fillas. El é o avó da miña avoa materna: o meu tataravó. Del non coñecemos moito xa que finou novo deixando ás súas fillas aínda nenas e así poucas anécdotas que contar á súa descendencia. A súa esposa Ana Eusebia Hernández García, tamén descendía de canarios, os seus pais foron os que emigraron de Europa cara América.
Iso, polo lado da familia de miña nai.

Agora pola de meu pai:

• Juan de Dios Martín Arvelo, o meu bisavó, pai da miña avoa paterna, naceu en Caracas, fillo de Canarios. Sendo neno, os seus pais retornaron ás Illas Canarias, onde viviu algúns anos para logo regresar a Venezuela onde fizo familia.

• Carmen Santiago Docal e Evencio Domínguez Arias, pais do meu avó paterno, ela galega da provincia coruñesa, e el de León, decidiron emigrar a Venezuela en 1958 e con eles emigraron os seus fillos, e así chegamos á historia moderna da emigración da miña familia, onde lles conto de persoas vivas e que coñezo.

O meu avó tiña 15 anos cando viaxou nun barco chamado Begoña, que tardou 13 días en cruzar o océano cunha parada en Vigo e nas Illas Canarias e con destino final o porto de La Guaira, para residenciarse en Caracas xunto a seus pais. Alí traballou como comerciante en diferentes áreas, casou e tivo fillos. El conta que en Venezuela, a pesar da boa acollida dos residentes, de levar unha vida normal e facer a súa propia familia, sempre se sentiu emigrante, pola morriña que os recordos da súa Coruña e os seus entrañables amigos, porén os seus novos lazos familiares e de amizade creados e tantas vivencias de moitos anos, fixeron que amase a Venezuela como ao seu propio país. Uniuse á “Irmandade Galega de Venezuela”, creada pola inmensa comunidade de galegos que alí vivían, no que terminou sendo un club social grande onde se reunían coas novas familias, facían deporte, tiñan restaurantes de comida galega, facían festas, tiñan agrupacións culturais que os axudaban a relaxar a nostalxia pola súa terra. Case 40 anos despois, cando retornou a A Coruña, sentiu de novo aquela sensación de deixar atrás parte da súa vida, de novo sentíase emigrante por traer costumes e ata un acento distinto, ata que pouco a pouco se volveu integrar. Con el viaxou tamén a súa esposa, a miña avoa, que naceu en Venezuela, unha emigrante máis…

Por último, vou falar un pouco e de maneira breve acerca dos meus pais, da miña irmá e eu. Nós os catro, viñemos a España, á Coruña máis específicamente, hai case catro anos, debido á mala e pouco estable situación política, económica e social que hai en Venezuela. Deixamos a nosa casa, meus pais deixaron o seu propio negocio, miña irmá deixou a universidade que apenas estaba comezando e na carreira que ela quería, e eu, aínda que só tiña 11 anos cando foi isto, poderiamos dicir que igualmente o pasei un pouco mal, xa que deixei o colexio no que estudara durante case toda a miña vida, o meu equipo de natación, os meus amigos e a miña familia, e no persoal penso que iso pode afectarlle ata certo punto a alguén menor.

Tras a chegada a España, os meus avós paternos acolléronos na súa casa, onde a día de hoxe seguimos estando. Meus pais tiveron que facer varios cambios en canto ao ámbito laboral debido a que tiveron que buscar novas saídas xa que non atopaban oportunidades nos espazos nos que eles se desenvolvían. A miña irmá tivo varios inconvenientes tamén coa universidade, porque a carreira que ela quería estudar, non a ensinan na universidade de aquí, polo que tivo que ir estudar a Ferrol, e finalmente optou por cambiar de carreira para poder estudar na Coruña.

Eu, ao chegar aquí no último ano de primaria, nun país no que non sabía como ían recibirme, a tratarme, non sabía se me ía  ser sinxelo adaptarme, pois non o pasei moi ben… De feito, neses momentos só pasaban cousas malas pola miña mente. Pero afortunadamente equivoqueime, tanto profesores como compañeiros fixeron que a miña chegada e adaptación fose rápida, amena e agradable. E a verdade, o primeiro mes que estiven aquí non o pasei nada ben e as primeiras semanas de clases pode que as pasase un pouco mal, pero a partir dese momento, tanto social como académicamente, me foi moi ben.