Meu pai foise de Bangladesh en 1998 porque quería conseguir máis diñeiro e mellorar a súa vida. Primeiro estivo dous anos en Kuwait. Traballou de enxeñeiro, vivía nun piso cuns amigos. Ao principio comunicábase en inglés e logo foi aprendendo o árabe, pero marchou de alí para gañar máis diñeiro xa que non conseguía o suficiente traballando de enxeñeiro.
En 2001 decidiu marchar a Italia. Estivo tres meses e non traballou de nada porque non lle gustaba o ritmo de traballo que levaba a xente, entón foise de alí. Ese mesmo ano foi a Suíza, atopou traballo en McDonald’s e estivo vivindo alí cinco anos. Comunicábase en inglés e logo foi aprendendo alemán. Vivía nunha casa alugada. Íalle bastante ben alí, xa que tiña un bo soldo pero non o deixaron vivir, así que se tivo que ir.
En 2005 decidiu ir a España, concretamente a Madrid. Estivo seis meses vendendo gafas e bolsos na rúa sen permiso de traballo. Co que gañaba pagaba o seu piso, a comida e mandáballe unha parte do seu soldo a miña nai. Despois de estar traballando na rúa conseguiu un traballo nunha tenda de alimentación e logo empezou a traballar en restaurantes. E así seguiu durante catro anos en Madrid.
En 2009 un amigo do meu pai ofreceulle un traballo en A Coruña e el aceptou a oferta e veuse para aquí. Traballou nun restaurante durante catro anos. Unha vez que xa se sentiu estable tróuxonos a miña nai e a min no 2011. Ao cabo duns meses meu pai perdeu o traballo porque pecharon o restaurante. Días despois encontrou un traballo nun bar e aos tres meses meu pai tivo a idea de alugar un bar e ata o día de hoxe seguimos nese mesmo bar.