Benvidos. Hoxe veño a contarvos a historia de emigración da miña tía-avoa Manuela Naveira Blanco, nada o 20 de xuño de 1930. Partiu con 30 anos (no 1960) ao seu primeiro destino, a cidade suíza Interlaken. Ela foi a primeira da familia en emigrar, seguida dos meus avós. Mais eu voume centrar na súa historia.
O motivo da súa viaxe foi por necesidade, como moita xente naquela época. Miña tía viaxou a Suíza en tren, nun traxecto no que, segundo ela, non houbo ningún contratempo. Como xa mencionei antes, a primeira cidade na que traballou foi Interlaken, onde se empregou nun hotel chamado Blaeus Kreuz (Cruz Azul, en galego). Alí levantábase todos os días ás 7 da mañá, almorzaba no comedor do hotel e traballaba ata a hora de comer (en Suíza cómese ás 12:00). Volvía ao traballo ás 18:00, onde tiña un breve descanso antes de terminar a quenda de traballo e ir durmir á habitación para o persoal do hotel.
Ela encontrábase a gusto alí , porque di que a trataban ben. Mais traballou noutro sitio, así que algo tivo que pasar para que a despedirán. Un día había un gran banquete no hotel. Era moi importante que todo fora perfecto, pero, coma xa vos imaxinades, non foi así. Meu avó, que saíra de festa pouco antes do banquete, tirou accidentalmente os pratos e romperon. Por este motivo despedíronos aos tres, tanto á miña avoa, como á miña tía ,como (obviamente) ó meu avó.
Aquí sepáranse os camiños dos meus avós e da miña tía. O seguinte destino dela foi Vevey, tamén en Suíza. Alí traballou tamén nun hotel chamado Trois Corognes (“Tres Coroas” en galego.) Tiña un horario algo mellor que en Interlaken, xa que tiñan dúas horas de descanso antes do “toque de queda”. É dicir, acababa de traballar, e tiña dúas horas antes de ter que estar na súa habitación. Nese tempo libre, ía cos seus amigos a bañarse ao lago Leman, xusto detrás do hotel. En Vevey xa tiña amigos, porque o seu francés estaba máis desenvolto. Facer amigos axudouna a estar contenta e non sentirse soa despois de separarse dos meus avós.
Despois desas horas de descanso, ía durmir, mais en Vevey tiña a habitación nunha casa para o persoal ao lado do hotel. Aquí realizaba o mesmo traballo qe en Interlaken, de limpiadora.
En canto á comunicación coa familia, ela tan só me contou que os chamaba nos descansos do traballo en Interlaken e que cando estaba en Vevey facía o mesmo, pero cando podía visitaba á familia e a os meus avós, que xa volveran a Galicia cando ela estaba en Vevey.
Despois de 32 anos traballando no estranxeiro, á miña tía tocoulle a xubilación, e volveu a casa en avión en setembro de 1992, con 62 anos e moitas historias que contar.