Hoxe, vouvos contar a miña historia.

Eu chámome Mª Adoración Maroño Pena, cando aínda era unha nena meus país morreron e tivemos que separarnos debido a que eramos 12 irmáns; uns foron para Bembibre, outros para Santiago, outros para Frades...
Eu non quería que me separasen dos meus irmáns, pero entendín que 12 nenos eran moitos para manter.
O 25 de xaneiro de 1972 decidín emigrar cara a Alemaña e deixar aos meus fillos de 7 anos e 2-3 meses separados; anteriormente xa buscara un traballo, polo que cheguei alí xa con contrato. Fun en tren e a viaxe durou unhas 24 horas aproximadamente, foi moi longa e dura. Cheguei a Esslingen, preto de Stuttgart, por onde pasa o río Neckar. Traballei nunha empresa de máquinas de carpintería de limpadora e cociñeira para os obreiros. Pagábanme 6 Dm por hora que veñen sendo 22.000 pesetas ao mes aproximadamente.
Non me sentín integrada na sociedade porque vivía amargada pensando nos meus fillos, ademáis de que co menor non me comunicaba, e iso para min era unha desgraza porque non sabía se estaba ben.
No ano 1976 tomei a decisión de regresar a Galicia para reencontrarme cos meus fillos. A viaxe de regreso fíxoseme moitísimo máis longa e dura polo desexo que tiña de volver ver aos meus fillos despois de 4 anos.
Compramos unha casa na Coruña cando volvín, encontrei facilmente traballo no Santiago Apóstolo, aínda que primeiro tiven que ir facer un examen a Bembibre.
Non parece moi lóxico o que vos vou dicir a continuación por que dixen que eu non me sentía integrada na sociedade cando estaba en Alemaña, pero se me desen a oportunidade de voltar eu iría de novo. Por que? Pois porque o que aprendes a valorar cando tes a necesidade de emigrar, e polo tanto tes que separarte da túa familia, é algo que case ninguén que non emigrou valora.