A historia da emigración de meus avós a Suíza.
Meus avós José Méndez García (1929-2006) e Adela Vieiro Fraga (1931), emigraron a Suíza, máis concretamente a Berna no ano 1958.

Eles decidiron emigrar porque o serradeiro onde traballaba meu avó pechara e non atopaba traballo, miña avoa era modista e gañaba moi pouco diñeiro, unhas 5 pts ao día. Vouvos poñer un exemplo, naqueles tempos, unha colcha valía unhas 30 pts, ou sexa que, para poder comprala había que traballar mínimo unha semana.

En principio, meu avó tomou a iniciativa e foise só a Suiza, pero tivo mala sorte e, como non se podía entrar sen contrato de traballo, parárono na fronteira e retivérono alí ata o día seguinte. Entón chegou un xefe dun hotel e levouno para traballar como conserxe. Así foi como empezou a traballar en Berna.

Aos poucos meses de que o meu avó empezara a traballar no hotel, miña avoa decidiu tamén ir traballar para alí e estar con el. Empezou a traballar no mesmo hotel limpando habitacións.

Estaban moi contentos, traballaban moito pero tamén gañaban moito diñeiro. Ao principio, o que peor levaban era o idioma, naquela rexión falábase sobre todo alemán, pero pouco a pouco o foron aprendendo, grazas tamén a que o dono do hotel falaba español.

Ao final, acabaron falando perfectamente alemán, defendíanse bastante ben co francés e, mesmo, un pouco de italiano, había moitos clientes no hotel de todas partes e non lles quedou máis remedio que estudar un poco.

Pasaron os anos, miña avoa quedou embarazada de meu tío e volveu a España para dar a luz. Despois de nacer o bebé, aos 7 meses máis ou menos, volveu a Suíza. Casi dous anos despois volveu quedar embarazada de meu pai e regresou de novo a España, pero non puido volver a Suiza, porque a súa nai se puxo moi enferma e quedou para coidala, no ano 1969.

Meu avó seguiu traballando en Suíza, estaba moi contento no traballo, ademais, de conserxe, traballou como taxista no hotel, levando os turistas desde o aeroporto ata o hotel e viceversa e por último de socorrista na piscina, ata que chegou a idade case para xubilarse e decidiu regresar a España no ano 1991.

El viña a España dúas veces ao ano para ver a familia, traballaba 5 meses, máis ou menos, e viña ao redor de 20 días de vacacións.
Era una situación bastante dura e complicada pero en Galicia había moi pouco traballo e gañábase moi pouco, aínda que o máis duro era non poder estar coa familia.

A miña avoa cóntame que ten moi bos recordos daquela época, fixeron moi bos amigos cos que hoxe en día segue tendo contacto porque tamén son galegos, e aínda que eles seguen vivindo en Suíza adoitan vir todos os anos no verán.