Os meus pais son emigrantes chineses, que chegaron a Madrid no ano 1999 (o meu pai) e no 2002 (a miña nai). O meu pai chegou con só 21 anos e a miña nai con 23, así que xa se coñeceron aquí.

Os dous emigraron polas mesmas razóns, pola situación económica que estaban a pasar naqueles momentos. As súas familias querían que tivesen un futuro mellor, non coma eles traballando na horta todo o día para poder vivir e comer. Naquel momento China era un país bastante desequilibrado economicamente, había xente moi adiñeirada e outra máis humilde, como a miña familia. Acórdome cando os meus pais contábanme que para ir ao baño, cando eran aínda pequenos, non tiñan nin sequera papel hixiénico, tiñan que usar as follas das plantas. Tamén que todos os días, a parte de ir á escola, tiñan que facer as limpezas da casa e axudar na terra, como levando as vacas e ovellas dun lado para outro, darlles de comer aos porcos, etc. Por exemplo, a miña nai era unha nena moi estudosa e sacaba moi boas notas, pero tivo que deixar os estudos, xa que tiñan que pagar cada vez máis á escola e os meus avós non tiñan o suficiente. Ao principio ía emigrar para outro país, pero xustamente naquel momento estaban en loita e cambiou o seu destino a España. No caso do meu pai, tivo que saír a traballar moi novo porque o meu avó paterno morreu cando el tiña soamente 16 e quería axudar a miña avoa, a parte de que non era moi estudoso.

Cando o meu pai chegou integrouse moi ben, pero como en todos os casos, sempre hai algúns que non o recibía moi ben, pero el é unha persoa moi alegre e tranquila, por iso non lle afectou moito. Empezou de cero vendendo cousas nun pequeno comercio como a miña nai, aínda que naquel momento non se coñecían, para aprender o castelán. Un día confesoume que ao principio tiña medo das reaccións e que había que ter moita valentía para superalo e por iso sempre admirei moito o valor que tivo que ter para poder abrir unha tenda só ou sacar o carné de conducir, sen case saber falar o idioma. A miña nai é máis sentimental e contoume que unha vez empezou a chorar cando estaba andando para casa nun día de febreiro. Era xa de noite e sentía morriña pola súa terra e familia, xa que naquel momento en China estábase a celebrar o Ano Novo. Pensou en que toda a súa familia estaría xunta celebrándoo, mentres que ela estaba alí soa, sen coñecer a ninguén e con medo, non podía parar de pensar niso polo que acabou chorando na metade do camiño.

Co paso dos anos, acostumáronse a este estilo de vida e agora están moi contentos en Ferrol, aínda que teñen pensado volver a China cando se xubilen, xa que a fin de contas esa é a súa terra natal e é onde está todas a súa familia.

Unha curiosidade que temos en China, é que dá igual o ocupada que poidas estar no Ano Novo, tes que volver á casa e estar coa familia. Pero isto non se cumpre sempre para a xente que emigrou moi lonxe, como no caso da miña familia.

Nunca se arrepentiron de ter emigrado a Ferrol, xa que foi unha experiencia para a vida con cousas boas e malas, fixeron novos amigos, conseguiron o que querían e ademais, grazas a esta marcha, coñecéronse e tiveron moi bos recordos!