Esta é a historia dun ferrolán chamado Vicente Naveiras Castro, que vén sendo meu bisavó. Naceu no ano 1896 e faleceu no ano 1961, aos 65 anos.

Cando tiña 20 anos, decidiu emigrar a Arxentina porque daquela non atopaba traballo na súa cidade e non quería facer o Servizo Militar, que naqueles tempos se facía nuns tres anos. El prefería ir buscar traballo aínda que fose a milleiros de kilómetros.

Pero na súa emigración non estivo só, posto que o seu irmán foise con el, e os dous embarcaron mar adiante cara un país que non coñecían. Logo de chegar a Arxentina, encontrou traballo como taxista, oficio que non tiña nada que ver cos taxistas de hoxe en día. Naqueles tempos o seu vehículo era un carro cun cabalo, que el dirixía.

Despois dun tempo na Arxentina, quixo probar sorte en Paraguai e Uruguai, onde traballaba tamén de taxista, aínda que nestes dous países estivo pouco tempo, voltando de novo a Arxentina.

Aos oito anos de estar alí, pensou que era mellor voltar a España e pensar en buscar traballo, casar e formar a súa familia. Tiña 28 anos e estaba en tempo de emparentar.

Así o fixo, regresou a España e ao pouco tempo encontra moza e casa. Pero a súa volta ao seu país non foi coma el esperaba, xa que voltou só, deixando na Arxentina o seu irmán, ao que estaba moi unido e o que botaría moito de menos. A proba foi que nunca perderon o contacto, e a súa forma de comunicarse era por carta, máis ou menos unha vez ao mes. Aprezábanse moito.

El contaba que a súa experiencia foi moi beneficiosa, e adaptouse moi ben, aínda que sentía morriña pola súa terra e tarde ou cedo sabía que voltaría.

Dediciuse a regresar porque, oito anos despois de emigrar, o traballo en Ferrol estaba en auxe, e sabía que entón si atoparía onde gañar o pan ao lado da súa casa. E así foi, entrou a traballar no asteleiro da súa cidade, naqueles tempos chamado Bazán.

E pasou o tempo e foron nacendo os fillos, sempre vinculados ao país que acolleu o seu pai porque alí aínda vivía e traballaba o seu tío, co que continuou en comunicación postal ata que faleceu o meu bisavó

Logo do seu falecemento todo cambiou e cortouse toda relación co seu irmán. As causas exactas as descoñezo, aínda que teño entendido que foron alleas a ambas partes.

Ao pouco de finar o meu bisavó, meu avó, fillo de Vicente e co mesmo nome, os seus irmáns e mais a súa nai tiñan que facer o reparto dunha herdanza que eran propiedades do bisavó e do seu irmán, pero, ao non ter contacto, tiveron que buscar a maneira de localizalo.

Entón puxeron un anuncio na prensa da localidade onde vivía o seu irmán para intentar dar con el, pero foi en van, non deu sinais de vida. Por iso o meu avó e a súa familia tiveron que esperar dez anos para que desen por falecido o meu tío-bisavó e poder repartir a herdanza.