Antonio José Rey Blanco partiu de España cara a Holanda no ano 1965, con 23 anos. Deixou a súa muller a cargo do gando e do seu único fillo ata entón. Foi unha longa viaxe en coche, coa única compañía dalgúns compañeiros seus de Camariñas (A Costa da Morte).
Ao chegar ao novo país, Antonio, que por circunstancias económicas decidira ir, comezou a traballar nun matadoiro de porcos, xunto con outros mil traballadores. Alí, o único que fixo foi esforzarse e intentar gañar o máximo diñeiro posible, erguéndose ás 4:00 da mañá e traballando horas extras antes e despois do turno matutino, ao que ía a pé ata unha estación e logo collía un bus (el e máis os outros emigrantes). Isto repetíase todos os días da semana, agás os sábados, que facía un par de horas, e os domingos; para tan só gañar 50 florines (25 euros, máis ou menos) cada semana, sen as horas extra. Todo o diñeiro que gañaba o mandaba a casa, xunto con 1500 pesetas a parte (9 euros, daquela con bastante máis valor que agora) que lle daba a súa empresa pola posesión do seu fillo. Despois do tempo laboral, Antonio instalábase nunha pensión, onde comía, durmía e escribía cartas para a súa familia.
Ao principio, el non sabía nada sobre o idioma, pero pouco a pouco foino aprendendo pola súa conta: ao ir ao traballo, falando con xente…
No seu tempo libre, que non era moito, ía a centros españois onde pasaba a meirande parte do tempo xogando ás cartas, ao fútbol ou a calquera xogo que os entretivese.
Claramente tivo os seus momentos de morriña, xa que cando soaban as cancións españolas era imposible evitar pensar nos seus seres queridos e, claro está, na súa querida España.
Pasado un ano, a Antonio chegáronlle noticias de que o seu pai caera enfermo. Foi aí cando tivo que decidir a súa volta cara España, esta vez en tren.
Polo motivo da enfermidade do seu pai e que, ademais, morrera a súa nai, as súas ansias de volver a Holanda quedaron atrás e, tristemente, non puido volver a aquela terra que tanto lle gustara.

Foto cun curmán en Holanda
Traballando no matadoiro cos seus compañeiros
Traballando no matadoiro cos seus compañeiros
Escribindo unha carta á súa familia
Foto actual do emigrante