Esta é a historia de vida dos meus avós maternos, Antonio Expósito e Amadora Novoa, dous galegos cuxos camiños se xuntaron no País Vasco, para non separarse nunca.
Antonio Expósito naceu o 8 de outubro de 1939 en Palas de Rei, unha vila de Lugo. Era o noveno de dez irmáns, fillos dun matrimonio que posuía un ultramariños e unha pequena ferrería. Antonio pasou alí toda a súa infancia e mocidade. Ao regresar do colexio, os homes axudaban na ferrería e as mulleres a servir comidas no ultramariños. Antonio, tras rematar a escola e facer a mili, emigrou no 1960 ao País Vasco co obxectivo de mellorar a súa posición profesional (realizou diferentes cursos nocturnos de maestría e deliñación) e en busca dun horizonte mellor.
Amadora Novoa naceu o 13 de setembro do 1941 en Vilar de Monte, unha pequena aldea en Lugo. Era a menor de seis irmáns, fillos dun matrimonio adicado á gandería. Durante a súa infancia e mocidade Amadora compaxinaba a escola coa súa colaboración nas tarefas da casa. A piques de cumprir os dezasete anos, Amadora perdeu o seu pai e tempo despois, no 1959, emigrou ao País Vasco, onde xa estaban os seus cinco irmáns maiores.

Casualidade ou destino, Antonio e Amadora coñecéronse no verán do ano 1960, nunha noite de baile en Portugalete, onde ambos acostumaban ir case todas as semanas. Ela traballaba coma costureira e el nunha empresa de metalurxia.
En marzo de 1962, e tras estar dous anos xuntos, Antonio e Amadora casaron en Portugalete e no 1966 tiveron a súa única filla.
A familia viviu en Portugalete ata o ano 1975 cando, por un cambio de empresa de Antonio, marcharon a Bilbao, onde viviron ata a súa xubilación.
A familia nunca perdeu o contacto coas súas orixes. Todos os anos ían, tanto no verán, onde compartían moito tempo en familia, coma no Nadal, Semana Santa, ou distintos eventos familiares, coma bautizos ou vodas. Para eles, a relación coas súas familias foi sempre moi especial e o máis importante.
Nos anos previos ás súas xubilacións, construíron unha casa na finca familiar de Palas de Rei, a vila da infancia de Antonio, que se rematou de construír no ano 1993 e a onde ían todos os veráns..
Antonio e Amadora continuaron vivindo en Bilbao, onde xa tiñan a súa vida feita e estaban moi a gusto, ata o ano 2001 cando, coa xubilación de Antonio, marcharon á súa casa de Palas de Rei, onde quedarían definitivamente.
Antonio e Amadora lembran a súa experiencia na emigración coma unha época feliz, pero de moito traballo.

Emigraron nunha etapa na que o noso país estaba baixo a ditadura de Franco e na que ademais, tras a súa morte, vivíronse no País Vasco uns anos politicamente moi complicados.
Ambos coinciden en que nos corenta anos que viviron alí, pasaron de ser uns mozos a converterse nas persoas que son. Coñeceron moitísima xente, tanto emigrantes coma eles, como persoas nadas no País Vasco, coas que compartiron boas experiencias e aínda manteñen contacto. En definitiva, formáronse eles e formaron a súa vida alí pero, as voltas da vida quixeron que voltaran para sempre a Galicia, a súa terra.