Marcelino Morado Vázquez naceu o 23 de decembro de 1929 en Monfero, Galicia. Criouse nunha pobre aldea nas montañas e, aos 12 anos, comezou a traballar, xa que el viña dun fogar humilde e con moi poucos recursos.

Durante toda a súa vida adicouse á gandaría e á agricultura xunto coa súa muller, María. Despois de ter o seu primeiro fillo, pasou por unha inestabilidade económica ao querer abandonar a casa dos seus sogros, onde vivía, con eles e co resto da familia.

Polo tanto, decidiu, no ano 1965, con 36 anos de idade, emigrar a outro país, xa que en Galicia, nesa época, non gañaba o diñeiro suficiente para poder independizarse e construír a casa que tanto desexaba. Nunca saíra da súa terra e foi un gran cambio para Marcelino ter que coller todo o que necesitaba e metelo nunha soa maleta.

Así mesmo, un caloroso día de verán, o noso labrego embarcou nunha viaxe inesquecible. Un tren con curiosos asentos de madeira, saíu da cidade da Coruña en dirección a Barcelona, e de alí á fronteira con Francia, para coller un traxecto directo a Berna, a capital de Suíza; un lugar que escolleu xa que todos os seus amigos decidiran optar por unha cidade enriquecida onde poder atopar un bo traballo.

Cando chegou alí, non sabía absolutamente nada do idioma, mais, como era un aventureiro non lle importaba comunicarse mediante xestos. O que de verdade quería era mandar parte dos cartos aos seus seres queridos, porque el era a única axuda que tiñan neses momentos complicados.

Contratárono para traballar nunha fábrica de cerámica. Un duro e forzado oficio co que conseguiu ter un bon soldo e o período de vacacións que nunca tivera. Sorprendeulle a amabilidade da xente suíza, xa que dicía que era un dos poucos traballos onde máis o respectaran, a pesar de que desempeñaba un baixo posto.

Dous anos despois, en 1967, chegou o día. Marcelino subiu ao tren que o devolvería á terra que o viu crecer. Percorreu os mesmos camiños polos que pasara ao inicio da viaxe e finalmente reencontrouse coa súa familia.

Para el, foi unha experiencia única. Saír do interior dun país afectado por loitas e pobreza para descubrir outro mundo diferente, o cal lle permitiu pasar o resto da súa vida nunha nova casa en Galicia, cos seus tres fillos e máis eu, unha neta á que contar esta historia.

Na actualidade