O meu compañeiro Andrés e mais eu, Carla, entrevistamos unha señora que coñecemos nunha residencia de anciáns. Esta dona, chamada Nieves e nacida en Ourense, emigrou á Arxentina con 20 anos (daquela aínda era menor de idade ata os 21). Cando era moi pequena morréronlle os pais, e os cinco irmáns coidaban uns dos outros. Tiña un emprego de interna nunha casa na que coidaba duns nenos, onde traballaba moitísimo e todo o día, e cobraba moi pouco, 21 pesetas.

Decidiu irse de España pola miseria e pobreza, no ano 1955, e tamén porque a súa irmá lle reclamaba que fose xunto dela. Fixo unha viaxe en barco durante 21 días, onde compartiu camarote con seis mulleres de diferentes nacionalidades.

Cando ela chegou foi moi ben recibida, e a súa irmá xa lle tiña un traballo buscado nunha fábrica de téxtil, na cal cobraba moito máis do que cobraba antes, é dicir 1 600 pesetas. Deste soldo unha subvención do estado permitíalle enviar a metade a España, para axudar á súa irmá e a criar os seus tres fillos. Máis tarde quitáronlle esta opción de enviar diñeiro, polo que empezou a facturar roupa e demais que conseguía por medio do marido de súa curmá, que era trapeiro. Un trapeiro era unha persoa que gardaba toda a roupa que se tiraba e que estaba en bo estado, xa que alí había moito diñeiro e a xente usaba e tiraba moi rápido a roupa.

Cinco anos despois coñeceu, mediante lazos de amizades, o seu marido -tamén emigrante e galego-, e que traballaba de hostaleiro. Eles dous montaron a súa propia tenda de comestibles, e xuntos tamén tiveron dous fillos. Foron tres veces visitar a súa familia en Galicia, e ao fillo maior encantoulle o lugar e decidiu ficar.

Anos máis tarde, en 1999, decidiron volver emigrar definitivamente a España porque outro fillo tamén viñera e o su marido padecía ELA. Esta enfermidade era moi pouco común e non estaba moi estudada, e eles estaban desesperados por procurarlle cura, polo que os fillos lles recomendaron virse a España para ver se aquí lles podían axudar máis. Gastaron moito diñeiro, pero non houbo solución e acabou falecendo.

Nieves fala da Arxentina como un país moi bo, porque a acolleron con moito cariño, amais alí a xente é moi familiar e agradable. Os veciños facían quedadas, invitábanse a cear e demais. O único que non lle gustou foi a inestabilidade política que o arruinou todo posteriormente.