Todo comezou no ano 2002: meu pai vivía coa miña nai e meu irmán en Montevideo, Uruguai. Había 6 meses que mercaran a casa onde agora vive miña avoa paterna, miña nai non traballaba e quedaba na casa coidando de meu irmán, e meu pai tiña traballos nos que lle pagaban por horas, en total tres. O malo é que, por desgraza, a economía de Uruguai estaba moi mal e os cartos non alcanzaban para vivir, ata que un día se decataron de que non tiñan diñeiro para nada; entón, meus pais tomaron a decisión de irse e, para iso, tiveron que vender todo o que tiñan, excepto a casa, e por sorte conseguiron o diñeiro para pagar a pasaxe.
Despois de acadaren a pasaxe, meus pais puxéronse de acordo en que só viaxase meu pai, porque era un país estranxeiro e non sabían o que podía haber alí; entón, meu pai tivo sorte de que un veciño seu tiña un amigo que vivía en Galicia e despois de que o veciño falase co seu amigo, este dixo que non había problema e nese momento meu pai comezou a preparar todo para irse. Pero había un problema e era que, como non tiña documentos españois para ir, marchou como turista; á súa vez, houbo outro problema e foi que a meu pai o sacaron da fila e o levaron a un cuarto no que lle fixeron unha serie de preguntas, e o que o salvou foi o amigo que o estaba agardando, pero desafortunadamente perdeu o voo e chegou a España ao día seguinte.

Ao chegar, meu pai tivo unha serie de complicacións, como, por exemplo, que non atopaba traballo debido a que non tiña documentación española e a uruguaia non servía para nada. Entón, meu pai foi gastando o diñeiro e en certa ocasión tivo que chamar a miña nai para pedirlle máis cartos, porque lle quedaba unha semana de estancia. Pero de todas formas non tiña intención de regresar, aínda que, se non conseguía traballo ou non lograba facer o que fora facer, obrigatoriamente ese día tiña que volver e botar todo atrás.

Despois de que miña nai lle enviase o diñeiro, ás dúas semanas, meu pai conseguiu traballo na zona de Arteixo, onde traballaba 22 horas ao día para recadar diñeiro, que lle enviaba a miña nai para que pagase a pasaxe. Tanto miña nai como meu irmán chegaron a España en xullo de 2003, nese momento meu pai alugou un piso no que viviron un tempo, ata o día en que miña nai quedou embarazada de min. Despois, meus pais decidiron mudarse para A Coruña onde meu pai conseguiu outro traballo, e durante varios anos viviron aí mudándose unhas cantas veces. Entón, volveron os problemas: miña nai non conseguía traballo, meu pai tiña problemas co tema dos documentos españois, cando nacín houbo problemas co tema do diñeiro...

Por fin, meu pai conseguiu facer os documentos, pero por razóns descoñecidas anuláronlle o documento. Despois entramos en crise: meu pai tiña débedas pendentes, economicamente pasámolo mal, xa que o diñeiro só alcanzaba para pagar os recibos e para mercar a comida, e estivemos así durante algúns anos, e, a día de hoxe, aínda a seguimos tendo pero suavizouse bastante. A partir de aí volvemos ter de novo problemas: miña nai e meu pai quedaron sen traballo, mudarámonos de piso e o diñeiro non alcanzaba para pagalo e estivemos así durante uns meses ata que meus pais tomaron a decisión de que miña nai, meu irmán e eu regresásemos para Uruguai, e catro meses despois de marchar meu pai conseguiu dous traballos cos que puido pagar as débedas que tiña, mandábanos diñeiro para axudarnos e todo se estabilizou de novo. Pasou o ano e medio que estivemos en Uruguai e regresamos, e despois fomos vivir co meu pai, mudámonos ao piso onde actualmente seguimos vivindo e agora todo está ben.