Este traballo fíxeno da miña familia materna, xa que meus avós, meus tíos e miña nai emigraron a Suíza. Pero, principalmente, centreime máis na historia de miña avoa, xa que foi ela a que me contou toda a historia.

En 1970 meu avó emigrou a Suíza na procura de traballo co fin de conseguir o diñeiro suficiente para criar os tres fillos que tiñan; conseguiu un posto nunha empresa de construción e quedou alí a vivir. Nese momento miña avoa preferiu non ir, xa que quería quedar coidando os seus fillos, que eran moi pequenos, e ademais estaba esperando o cuarto fillo. En 1972, miña avoa -con 25 anos- decidiu viaxar por primeira vez a Suíza porque necesitaban diñeiro, pero non conseguiu atopar ningún traballo e volveu para España.

Un ano despois, volveu intentalo e esta vez si que conseguiu un traballo; entón, quedou a vivir alí co meu avó e tivo que deixar os seus catro fillos, de 3, 5, 7 e 9 anos, en España ao cargo dunha das irmás do meu avó. As dúas viaxes que fixo foron en avión e en ningunha delas tivo problemas para pasar dun país a outro.

Ela comezou traballando nunha casa de anciáns, pero non estaba nada a gusto alí e acabou deixando o traballo. A partir dese momento, todos os anos que estivo en Suíza, traballou limpando as casas de dúas familias adiñeiradas e tamén limpando unha papelería.

Ao principio cobraba 8 francos por hora e cos anos acabou gañando 10 francos por hora. Meu avó, na construción, gañaba uns 3 000 francos ao mes. Durante varios anos seguiu así, e de vez en cuando, en Nadal ou no verán, ela e meu avó ían a España visitar os seus fillos, ou os nenos ían a Suíza visitalos, acompañados da súa tía.

A partir de 1977, os seus fillos foron rematando o colexio e decidiron ir vivir a Suíza tamén e continuar alí os seus estudos. Pero a filla menor (miña nai) non conseguiu adaptarse ben e ao ano seguinte volveu a España e quedou a vivir coa súa tía. Meus avós e os tres fillos viviron nun piso de tres habitacións, cociña, comedor, un baño e un xardín. Ademais, eles eran os encargados de ocuparse de todo o edificio (a lavandería, o xardín, a calefacción…). O piso custáballes 700 francos ao mes, uns 800 euros.

Durante 20 anos miña avoa tivo a mesma rutina de traballo: ía pola mañá limpar unha casa, de 8 a 11 da mañá, logo ía a outra, de 12 a 3 ou 4 da tarde, onde limpaba, cociñaba e pasaba o ferro; e pola tarde ía a unha papelería na que tamén limpaba e colocaba as cousas.

As familias para as que traballou tratárona sempre moi ben a ela e os seus fillos, sentiu que eran como da familia, en Nadal dábanlles agasallos a todos e no verán invitábanos a ir a unha casa que tiñan ao lado do lago ou a outra que tiñan na montaña.

Sobre 1986 meu avó deixou de traballar debido a un accidente que tivo. Comezou a vir moi a miúdo a España, xa que súa filla (miña nai) vivía aquí. Cando eles emigraron, non deixaron ningunha casa en propiedade, xa que viviran nun piso de alugueiro, e por iso meu avó, ese ano, decidiu construír unha casa coa axuda dos seus fillos, que viñan no verán e en inverno, e tamén coa axuda dos seus irmáns e xente da vila á que lle pagaba. A casa rematárona a finais dese ano, e miña nai e a irmá de meu avó mudáronse alí; os meus avós e os seus fillos, sempre que viñan a España, quedábanse nela.

En 1990 meu avó quedou xa a vivir definitivamente en España e en 1995 miña avoa veu tamén para aquí, para estar xunto del e da súa filla. Ao ano seguinte tamén veu vivir aquí o seu fillo maior, xunto coa súa muller, unha galega que tamén emigrara a Suíza. A súa filla maior e o seu fillo menor quedaron alí e actualmente seguen a vivir en Suíza coas súas parellas e, no caso de meu tío, tamén cos seus dous fillos.

Para rematar, deixo por aquí algunhas fotos que me ensinou miña avoa da estancia de toda a familia alí.

Miña avoa vivindo en Suíza
Meus avós vivindo en Suíza
Meus avós en Suíza
Miña avoa traballando nunha papelería
Meus avós na casa da montaña dos señores para os que traballaban
Meus avós no piso no que vivían