Háblame de la emigración

Ana naceu en Beade, un pobo da provincia de Ourense. A situación económica era precaria e cando ela tiña 4 anos o pai decidiu emigrar a Caracas (Venezuela). Alí tiñan algúns coñecidos da súa aldea, e ao chegar aloxáronse nunha pensión e o seu pai comezou a traballar nunha fábrica de andeis “Utilacero”. Pasados 2 anos tamén emigrou a súa nai para traballar como empregada de “casas de familia”, empregada de fogar.
Ana quedou cos seus avós maternos, e estudou interna no colexio María Auxiliadora en Vigo. En 1960 veuna buscar o seu pai e fixeron a viaxe en barco, un traxecto que durou 11 días. Ana só levaba un só vestido e o pai tíñao que lavar polas noites para que o tivese seco para o día seguinte. No barco había moitos nenos e xogaban entre eles.

En Caracas vivía nunha habitación nun piso compartido. Asistía ao colexio e integrouse sen dificultade, con todo, non podía saír cos amigos por ser muller e pola inseguridade que había na cidade xa naquela época. Cando chegou á idade da adolescencia os seus pais asociáronse á Irmandade Galega de Venezuela que tiña un custo mensual moi elevado.

Con 18 anos púxose a traballar como administrativa nunha fábrica de persianas e estudou mecanografía de noite. Tamén lles axudaba aos seus pais que nese momento traballaban nunha feira de roupa infantil. “Traballa con felicidade porque queres comer” é o pensamento que lle transmitiron os seus pais, xa que ela nunca tivo carencias. Nunca tivo vacacións, agás unha vez, que se desprazou cos seus pais á illa de Margarita.

Despois o seu pai fíxose taxista e mercaron unha casa fóra da cidade. Ana casou e tivo dous fillos e vivían cos seus pais. O seu pai faleceu e ela cambiou de traballo porque se puxo enferma, despois divorciouse. Xubilouse con 55 anos pero ata os 60 seguiu traballando nunha tenda dentro dun colexio. O seu fillo despois de estudar dúas carreiras e un master en Londres veu para España. Despois a situación de Venezuela empeorou, con carencia de medicinas, sen comida e con gran inseguridade nas rúas, polo que decidiron abandonalo todo e vir para Vigo coa súa filla e a súa nai, e actualmente vive en Pontevedra.

A súa primeira sensación ao volver foi a seguridade, podía baixar á rúa, ao super ou á farmacia tranquilamente. Despois con 62 anos tivo que buscar traballo, o que lle resultou moi difícil xa que lle retiraron a pensión por ter marchado do país.