Gilberto non emigrou por vontade propia, levárono os seus pais tendo nove anos. Marcharon oito membros da familia xuntos no mesmo barco: os seus pais, el e mais os seus irmáns, dous tíos e un curmán. Embarcaron en Vigo o 17 de decembro de 1950 nun barco de carga de mercadorías en que durmían nunha fileira de liteiras na bodega de carga. Así chegaron a Bos Aires o 5 de xaneiro de 1951.
En realidade a súa viaxe foi un reagrupamento familiar, os seus avós emigraran a Arxentina e deixaran aquí os fillos, que foron xuntando pouco a pouco. Co tempo conseguiron levar a América seis dos seus fillos. Os avós eran unha familia labrega na parroquia de San Ramón de Bealo que, como moitos outros veciños, marcharon a buscar unha vida mellor en América.
Con nove anos, Gilberto lembra que durante a viaxe no barco se xuntou cun grupo de nenos cos que andaba a facer trasnadas, nunha ocasión abriron a auga de todas as duchas, empozando a auga para faceren unha piscina; acabaron, iso si, rendendo contas na comisaría de abordo.
Ao chegaren a Bos Aires Gilberto foi á escola, mais aos trece anos xa empezou a traballar nunha fábrica de calzado, onde estivo até os quince. Despois entrou a traballar nunha pizzería Las Cuartetas, na rúa Corrientes, na que xa traballaba o seu pai, conta que «Naquel tempo o meu pai facía tres quendas de traballo seguidas, era unha pizzería moi grande, con cento vinte empregados e gastábanse sesenta sacos de fariña e servíanse tres mil pizzas diarias». Un tempo en que en Galicia nunca unha pizza se vira…
Gilberto coñeceu a súa muller no Centro Lucense, onde había bailes todos os domingos e se reunía a extensa comunidade galega bonaerense. Aos vinte e un anos colleu o traspaso dunha cafetería e traballou sempre por conta propia como empresario da hostalería. Ao final, o seu pai mercou a pizzería Las Cuartetas que segue a existir a día de hoxe, e da que segue sendo accionista https://www.facebook.com/LasCuartetas/
O que motivou o seu retorno foi a crecente inseguridade. Un día secuestraron un neno de nove anos, amigo dos seus fillos, para lle pediren un rescate á familia; naquela época Gilberto traballaba duramente no negocio e era sabido que gañaba cartos «Gallego, ¿cuanta plata ganan ustedes?». O medo a sufrir unha situación semellante foi o que motivou a boa parte da familia a retornar. Recoñece, así mesmo, que el non tiña moitas ganas de vir, xa levaba boa parte da súa vida en Bos Aires. Unha vez en Compostela custoulle ao primeiro refacer a súa vida, mais acabou por poñer o seu propio negocio hostaleiro.
Colaboradores
Gilberto Ces Lorenzo

- País de destino: Argentina
- Ano emigración: 1951
- Ano de retorno: 1975