Rosa naceu nunha parroquia a dez quilómetros de Santiago, e alí coñeceu a Andrés, o seu home, con quen emigrou ao Brasil cando contaba tan só19 anos. Ela, tan nova, non tiña intención de emigrar, mais decidiu marchar co seu home, xa que no Brasil tiña unha cuñada que puido reclamalos para estar no país.
O matrimonio comezou en maio todas as xestións necesarias para a viaxe: un certificado de boa conduta, o visado, un certificado sanitario... e en decembro, cunha pasaxe en parte subvencionada por Acción Católica, embarcaron no porto da Coruña no Monte Umbe, un barco bilbaíno no que, casualmente, regresarían a España anos despois desde o Uruguai. A travesía, que durou quince días, foi unha viaxe dura onde Rosa enfermou de pneumonía.
Ao chegar ao Brasil, en xaneiro, o home de Rosa comezou a traballar de aprendiz de carpinteiro no municipio de Santos. Alí foille moi ben, xa que o mestre era un coñecido da mesma parroquia del, e desde o comezo recibiu un salario: Aos tres meses, xa gañaba coma un carpinteiro en España. Ela, mentres se recuperaba da pneumonía, contactou cunha galega que lle ensinou o oficio de pantaloneira, un traballo moi escravo que a mantiña ocupada día e noite. Posteriormente, a través da súa cuñada, conseguiu outro emprego, mellor remunerado e con mellores condicións, nunha fábrica de conservas de atún e sardiñas.
O matrimonio residiu en Santos durante dous anos e medio, un lugar marabilloso que Rosa lembra con moito cariño, cunha enorme praia, campo e paseo marítimo. Alí tiñan traballo e estaban asentados, mais o clima local causáballes certos problemas. Foi ese o motivo que os levou ao Uruguai, onde Andrés tiña outro irmán residindo. Nun principio foron como turistas, mais unha vez alí amañaron os papeis para quedaren a traballar no país.
O home de Rosa axiña atopou emprego como carpinteiro, e ela estivo durante catro meses coidando a uns fillos de emigrantes españois. Con ansias de mellorar, Rosa solicitou emprego no laboratorio de perfumería Andre Latour, de dono español. Alí traballou ata 1966, ano en que o matrimonio regresou a España coa idea de marcharen despois para Francia, onde residían outros tres irmáns de Andrés.
Aínda que en América do Sur ambos tiñan boas condicións, o valor da moeda era moi baixo. Alén diso, Rosa estaba embarazada da súa primeira filla, e quería dar a luz en España. Dous meses despois de nacer a súa filla, o seu home marchaba para Francia, onde residiu só durante nove meses, traballando como carpinteiro. Ao cabo deste tempo, Rosa deixou a súa filla cos seus sogros e cuñadas e marchou para Rodez, xunto ao seu home, onde se empregou como dependenta nunha panadaría. Cando Rosa quedou de novo embarazada, decidiu buscar a súa filla, que tiña entón un ano e medio, e volver a Francia, onde naceu o seu segundo fillo en 1969. Seis anos despois, en 1975, o matrimonio volveu para Galicia debido aos estudos dos seus fillos xa que, ao non estaren eles nacionalizados no país, os nenos non tiñan os mesmos dereitos que o resto.
Rosa sempre estivo moi contenta nos tres países, sobre todo en Francia, onde se adaptou moi ben. Ao cabo de dous meses falaba perfectamente francés, e alí tiña un bo emprego: pola mañá traballaba de dependenta, e pola tarde paseaba os nenos dos xefes e os seus. O seu home tamén se adaptaba ben á cidade, aínda que, ao traballar rodeado de españois, falaba menos o idioma.
Ao volver a Galicia, Rosa botaba de menos Rodez e resultoulle difícil adaptarse novamente a España. Tras quince anos no estranxeiro, sentiuse máis emigrante ao volver á súa terra que cando marchou a outros países. Durante un ano dedicouse á súa casa e aos seus fillos, e despois comezou a traballar como asistenta nunha casa, onde estivo durante trinta e un anos. Os seus fillos tamén notaron o cambio: O seu neno, que tiña entón 6 anos, non sabía español, e ao principio quería volver a Francia. A nena, porén, adaptouse decontado.
Despois de trinta e tres anos, o matrimonio volveu a Francia nunha viaxe moi triste, pois a maioría da xente que coñeceran alí xa falecera. Tras a súa experiencia migratoria, Rosa opina que posiblemente repetiría, aínda que «en cada país deixas un pouquiño da túa vida, sentimentos e persoas amigas».