M.ª Carmen naceu en Ribeira (A Coruña) e realizou estudos de Maxisterio en Santiago de Compostela. Ao rematalos deu clases en Vigo durante un ano. En 1967 decidiu irse a Inglaterra para aprender inglés mentres traballaba, motivación atípica entre o resto de persoas da súa xeración que fundamentalmente emigraban con fins económicos.
O seu primeiro traballo no Reino Unido foi de empregada nun hospital; ao primeiro resultoulle complicado por non coñecer o idioma e pola falta de apoio por parte doutras compañeiras españolas, mais relacionouse cunha moza inglesa que lle axudou moito, e coa que a día de hoxe segue a ter amizade. A raíz daquel traballo decidiuse a estudar alí Enfermería, que non finalizou porque decidiu adicarse á docencia.
A súa primeira vivenda foi un piso que lle cedía a empresa, mais deseguida se cambiou a outro que compartía con varias enfermeiras. Nesa época non dispuña de diñeiro abondo para se permitir outra cousa. Tampouco tiña moito tempo libre e non podía gozar de actividades de lecer e, por outra parte, as súas expectativas de aprender o idioma non estaban sendo as esperadas, primeiro por non poder ser instruída para estudalo adecuadamente e por non ter tempo nin axuda para perfeccionalo. Así que ante este panorama, decidiu trasladarse a París.
Na capital francesa dedicouse a coidar nenos. Unha das súas anécdotas máis curiosas é que chegou a coidar o neto do escritor Emilio Zola. Alí integrouse ben porque xa tiña unha base de francés, e ademais matriculouse na Alianza Francesa para perfeccionalo.
Uns anos despois, en 1971, por desexo da súa nai, regresou a España. Unha vez aquí preparou oposicións de Maxisterio e obtivo unha praza en Barcelona.
Viaxar sempre a fascinou, por iso no ano 2000 se foi a California cun contrato de docente e, posteriormente, no 2002 a Marrocos e no 2009 a Dallas. En ambos os países integrouse perfectamente.
Na actualidade, con 72 anos, é voluntaria dando clases de inglés no Espazo +60 Afundación de Pontevedra.
Colaboradores
Mª Carmen González Lantaño

- País de destino: France, United Kingdom
- Ano emigración: 1967
- Ano de retorno: 1970