José, natural de Trives, Cabeza de Manzaneda (Ourense), é o maior de tres irmáns dunha familia humilde. Descríbese a si mesmo coma unha persoa sinxela e traballadora.
No seu pobo natal empregouse moi novo na agricultura e gandería, polo que só podía ir á escola de noite. Con dezaseis anos traballaba como panadeiro e cobraba sete pesetas a hora. Esta foi unha das razóns que o motivou a emigrar. Tiña entón 22 anos e acababa de facer o servizo militar.
Foise a Francia co seu curmán, o seu mellor amigo, mais ao chegar á fronteira, a Irún, a José destinárono a Perpiñán e ao seu curmán, a París. Foi un golpe para eles, aínda que anos despois se reencontrarían na capital francesa.
En Perpiñán estivo desde 1959 a 1961 traballando na construción, onde chegou a ter unha cuadrilla ao seu cargo, así que a pesar de comezar como obreiro raso, deseguida ascendeu ata ser considerado obreiro especializado. Entre moitas das súas anécdotas conta que nunha viaxe de Perpiñán a Barcelona o arrestaron, crendo que era un traficante de tabaco.
No ano 61 foise a París buscar sorte no sector da automoción e contratárono durante seis meses en Citroën por mediación dun amigo. Fóronlle renovando o contrato e axiña foi subindo de categoría profesional. Alí pagábanlle 36 pesetas a hora. Especializouse na montaxe de compoñentes, coma pancas de cambio e outros accesorios do automóbil, e interveu en procesos de fabricación en modelos moi populares naquela época, coma o Tiburón ou o 3 Caballos. Compaxinaba este traballo co dunha portería. Foi unha etapa de moita lea laboral, mais tamén tiña os seus intres de diversión, cando podía saía pola noite na cidade parisiense cos seus amigos. Ten moi bos recordos con eles, de feito, seguen a manter a relación na actualidade.
En 1966 inaugurouse a planta de Citroën en Vigo, e un dos xefes de Citroën París ofreceulle a posibilidade de volver á súa terra cun posto de encargado, mais rexeitou a oferta porque non se fiaba da promesa.
Aos sete anos de estar en Francia coñeceu alí a súa muller, emigrante de Viana do Bolo, casaron e tiveron dúas fillas no país estranxeiro, a terceira xa nacería en Vigo.
A súa muller compatibilizaba os traballos na casa con horas de limpeza noutras vivendas do mesmo edificio. El empezou a traballar en 1970 no sector de compoñentes de aviación, onde destaca que o trato humano era máis achegado e as condicións de traballo, formidables. Tamén é certo que a fabricación dos modelos de Airbus requiría dunha grande especialización, disciplina e un control exhaustivo en todo o proceso.
No ano 1978 decidiron regresar a Galicia porque ambos botaban en falta o país. Comunicou a renuncia na súa empresa, onde lle ofreceron un mellor posto, maior soldo e mesmo un apartamento para que desistise da súa idea de volver, mais xa non quixeron dar marcha atrás.
Instaláronse en Vigo, onde consideraron que máis oportunidades poderían ter pola súa especialización profesional. No laboral todo foi ben, logo atopou traballo nunha empresa de granito no Porriño, para despois deixalo pola posta en marcha dun negocio propio, un supermercado en Coia, o que sería o seu traballo durante 16 anos ata a súa xubilación. Porén non pode dicir o mesmo a nivel social. O regreso non lles resultou nada doado. Sentían que empeoraba a súa calidade de vida, as condicións laborais, e xa non se acostumaban á vida aquí, botaban en falta cousas que nunca imaxinarían, coma a gastronomía francesa. E ese era tan só un pequeno detalle.
José describe a emigración coma unha etapa difícil en que se tivo que enfrontar a situacións complicadas, mais na que tamén viviu intres moi felices. Ademais, hónrase de que grazas ao traballo e esforzo de ambos no país veciño, as súas fillan tiveran a posibilidade de desenvolveren unha carreira profesional con estudos.

En 1962 en París ao lado do hotel
En 1972 no Pazo de Versalles coa súa muller
Compañeiros de cuadrilla na fábrica de aviación do antigo aeroporto alemán
Parte dunha folla de pago do ano 1977
Na rúa París na súa moto que era un modelo clásico de Flandria