Na miña familia só houbo un caso de emigración, a miña tía M. que emigrou cara a Alemaña no ano 1996, en concreto o 13 de maio. Naceu en Ribadeo no ano 1970 e leva en Alemaña 21 anos. Díxome que non ten pensado volver a España porque está casada e ten dous fillos.
As razóns da súa marcha foron que non podía conseguir o traballo para o que estudara e para sentir que non fixera a carreira universitaria en vano e que todo o que anteriormente aprendera o podía poñer en práctica.
Mónica lembra aquel día á perfección, tiña os nervios de punta, xa que se enfrontaba a nada menos que dar un xiro completo á súa vida. Cambiaría todo e a súa ledicia dependería de que encontrara traballo e conseguira adaptarse a unha nova cultura e forma de vida.
O seu primeiro destino foi Aquisgrán, onde empezou vivindo nun piso compartido con outros españois, ela contoume que era a máis preparada de todos os que viviran nese piso, xa que tiña unha carreira universitaria. Sorprendeulle moito a cantidade de españois que atopou alí aínda que lle sorprendeu moito máis a actitude que tiñan os alemáns que ela coñecía, eran moito máis introvertidos e consideraban o traballo como algo necesario e fundamental nunha persoa.
En Aquisgrán traballou como profesora de español nunha academia de idiomas e pouco a pouco foi aprendendo o alemán , este primeiro traballo custoulle un ano encontralo e mentres non o conseguiu a súa nai tivo que enviar cartos ata alí para que puidese continuar a súa estancia.
Cinco anos despois de que encontrara traballo decidiu marchar cara a outra cidade de Alemaña, Sttutgart, onde desenvolveu o traballo de redactora de español na famosa editorial Klett. Catro anos despois de que encontrara o traballo de redactora de español casou cun enxeñeiro que traballaba na fábrica de Mercedes e tiveron dous fillos: Mateo e Elisa. Mónica destacou moito o feito de atopar casa en Sttutgart, xa que é moi difícil incluso atopar un piso para alugar. A pesar disto e grazas a Steffen, o marido de Mónica, conseguiron alugar un bonito piso no centro da cidade.
M. coñeceu a moitos galegos en Sttutgart como Consuelo, que foi a coidadora dos nenos, que naceu en Verín e di que case nin se lembra de como era Verín e que nunca volveu a Galicia. Consuelo tamén contou que lle fora moi difícil aprender o idioma, xa que ela só sabía falar galego cando emigrara.
Aparte de Consuelo tamén coñeceu a outros galegos como Carlos, que tamén traballa en Klett e Mario que traballaba nun restaurante da zona, ambos de Santiago de Compostela. Aos dous custoulles moito conseguir o traballo aínda que non tardaron tanto en integrarse e aprender a lingua.
Ela nunca volveu definitivamente a España aínda que todos os anos vén a pasar o verán e o Nadal. Cada vez que volta séntese máis alemá que española, aínda que sempre desfruta dos costumes gastronómicos españois e as paisaxes da costa lucense como as praias e os paseos. A pesar de que se sinta máis alemá que española nunca deixa de considerarse unha máis xa que ao final é unha galega como calquera outra e pasou a súa infancia aquí . Moitas cousas como o ruído das rúas, os temas de conversación, o lixo nas rúas, os nenos pequenos usando móbiles fanlle sentirse máis estranxeira en España, xa que leva vinte e un anos en Alemaña onde estas cousas son moi diferentes.
A miña tía Mónica contoume un montón de anécdotas como que a primeira vez que intentou dar un bico a un alemán para saudalo el apartouse e deixouna nunha situación un pouco incómoda, isto débese a que os alemáns son moito menos cordiais e máis introvertidos.
Tamén me contou que os alemáns teñen unha visión moi específica dos españois, pensan que todos somos andaluces e, por unha parte, teñen unha imaxe positiva de nós admirando a nosa gastronomía e forma de ver a vida desde un punto de vida animado e divertido e, pola outra, unha negativa na que pensan que todos os españois somos uns festeiros e que a ningún nos gusta traballar, deixándonos como uns vagos que vivimos só para divertirnos.
Os amigos galegos da miña tía eran de distintas épocas, os que emigraran nos anos 60 di que eran os que mellor estaban asentados a diferenza dos que emigraran a finais do século XX e principios do XXI, debido a que os segundos emigraran coa crise económica e ese factor fixo máis difícil a estancia. Na lingua pasaba todo o contrario, os emigrantes do século XX-XXI aprenderan máis fácil a lingua alemá que os dos anos 60, xa que os primeiros estaban moito máis acostumados a escoitar idiomas e sabían falar inglés co que comunicarse.
Os emigrantes que veñen a Galicia están nunha situación moi parecida aos dos emigrantes que se van de Galicia, xa que todos eles viaxaron por unha causa moi parecida que acostuma ser xeralmente por problemas económicos e problemas para encontrar un traballo alí na súa terra.
En Galicia hai 95.568 inmigrantes, a maioría deles son portugueses pero tamén hai moitos de Brasil, Colombia, Romanía, Arxentina e Marrocos.
Na opinión da miña tía M. todos os emigrantes son iguais e as causas da viaxe sempre son as mesmas, aínda que dependendo de onde veñan os emigrantes poden tardar máis ou menos en acostumarse ao novo país.
Traballos escolares
M. C. Iglesias
- Nome do alumno: Jorge González Cociña
- País de destino: Germany
- Ano emigración: 1996
- Ano de retorno: 1800