Pepe naceu en Cans, O Porriño (Pontevedra) en 1953. Os seus pais emigraran a Venezuela en busca de traballo e mellores oportunidades, mentres el e a súa irmá quedaban ao cargo dos avós. Ao cabo dun tempo, cando os pais se conseguiron establecer no país, levaron consigo os rapaces. Pepe tiña entón once anos e a súa irmá, sete.

Pepe adaptouse ao país sen dificultades, debido á súa curta idade e ao gran número de españois que residían alí. Pronto comezou a traballar, desde os dezaseis anos dedicouse a vender aparatos electrónicos e a reparar televisores. Naquel entón a comunicación co resto da familia que residía aquí era a través de carta, e máis tarde, co avance da tecnoloxía, puido mercar un teléfono co que chamaba ao bar da aldea para falar cos seus.

En 1981 casou coa filla duns emigrantes de Celanova (Ourense), e tivo dous fillos dos que se sente moi orgullosos: o fillo marchou a Chile para facer un mestrado e continúa residindo alí, e a filla é profesora nun colexio de Caracas. Pepe segue a vivir en Venezuela, e na actualidade traballa como taxista privado por encarga, debido á inseguridade que hai no país.

Pepe sente moita morriña pola súa terra e pola familia que reside aquí. Os seus pais volveran no momento de se xubilaren, mais el xa tiña alí a súa vida. Agora sabe que non pode ser, xa que a súa familia está establecida naquel lado do océano e el ten un traballo e unha vivenda que non pode abandonar. A pesar diso, Pepe permítese vir un par de meses pasar as vacacións na súa aldea natal, e a súa máxima ilusión sería volver a Galicia definitivamente.