O meu avó chámase Manuel Lorenzo Rodríguez, naceu o 11 de febreiro de 1927 nunha parroquia chamada Canedo de Santo Tomé, no Concello de Lourenzá (Lugo), no seo dunha familia humilde, sendo el o segundo irmán.

Quero contarlles a súa historia porque tras a Guerra Civil Española e a Segunda Guerra Mundial a situación socioeconómica en España e, fundamentalmente en Galicia, era moi desfavorable. Por mor da falta de traballo, a escaseza de alimentos e as limitadas oportunidades de progreso social, moitos galegos coma o meu avó decidiron emigrar a outros países na busca dunha mellor calidade de vida.

No ano 1947, con tan só 20 anos, unha maleta na man e ao par doutros dez coñecidos da aldea, chegaron en tren ao porto de Vigo para viaxar durante vinte e cinco días a bordo do transatlántico Córdoba rumbo a un país afastado, A Arxentina, cun soño de esperanza e de prosperidade, e tamén coa dor na face por abandonar a súa terra, a súa familia e os seus amigos.
Ao chegar alí, tan só o agardaba a súa tía María, irmá da súa nai, e unha cidade inmensa por escudriñar, mais sobre todo moitas oportunidades que aquí non podía ter.
Durante os seus primeiros anos alá traballou como axudante nun almacén, moitas horas ao día e cun salario modesto. Logo de tres anos conseguiu empregarse no Bar Hispano onde foi adquirindo experiencia como camareiro e podendo, con moito esforzo e austeridade, aforrar diñeiro para lograr independizarse anos despois e abrir o seu propio negocio no sector da alimentación: ultramarinos e comida preparada para levar, o que alí chaman unha rotisería.

No ano 1963 casou coa miña avoa Marilú e tivo tres nenas: María Angélica, Magdalena e Paola, a miña nai, que se criaron e estudaron alí.
A comunicación coa familia que estaba en Galicia era pouco frecuente xa que non existían os medios telefónicos nin telemáticos de hoxe en día, polo tanto, o único medio para ter novas dos seus era a través do correo postal.

A integración en terras tan afastadas foi difícil ao comezo, mais así como o tempo pasaba a comunidade de emigrantes ía aumentando e compartían o seu pasado común, os seus costumes, gastronomía, etc. As fins de semana reuníanse en clubs coma o Centro Lucense ao que ían meu avó, miña nai e as miñas tías, e que pasou a se converter cos anos no Centro Galicia de Bos Aires. Alí pasaban os domingos, gozando de bos asados, e despois de comer reuníanse ao redor dunha mesa para xogar á brisca ou ao tute, co seu café con augardente, agardando ata a tardiña, cando comezaban a soar as orquestras cos seus pasodobres, muiñeiras e demais música que lles traía tantos recordos.

No ano 1986 o meu avó mercou a súa actual casa na Mariña lucense, en San Cosme de Barreiros, e en 1989, instalouse definitivamente preto da súa aldea natal. Alí vive a día de hoxe gozando da súa horta e dos seus animais.